fbpx

Os pescadores do río Limia estrearán refuxio en Bande

Os pescadores e paseantes do Limia, na parroquia de Nigueiroá de Bande, contan cun renovado refuxio onde gorecerse das condicións climatolóxicas. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, acompañada da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, desprazábase esta semana ata Ponche Soutelo para ver o resultado da actuación no refuxio fluvial onde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investiu 40.000 euros no marco do proxecto europeo “Fronteira Esquecida Limia-Lima”.

A finalidade desta actuación é poñer en valor a bacia fluvial do río Limia e fomentar as actividades deportivas e turísticas no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. A reforma consistiu en mellorar o estado e a recuperación da caseta que, ademais de ser usada como refuxio por parte dos afeccionados á pesca fluvial, tamén supón un punto de referencia turística no roteiro paralelo ao río Limia.

A reforma foi ben recibida polo colectivo de pescadores. Desde o Clube O Peixe de Bande agradecían hai unhas semanas o interese mostrado polo Concello para a recuperación do refuxio e confesaban estar gratamente sorprendidos pola calidade dos materiais e o prazo de execución das obras. “Aínda que desde o Clube tentabamos mantelo o máis limpo posible, unha rehabilitación así era impensable para nós polo custo económico”, trasladaba Rafael Serrano, presidente de O Peixe, quen subliñou que a partir de agora usarase tanto polos pescadores cando a climatoloxía non sexa favorable, como de lugar de esparexemento e reunión. “Tentaremos que sexa un punto informativo de todo o relacionado co coto e de toda a fauna que vive no río e as súas ribeiras”, dixo.

Rede de sendeiros

A Ponte Soutelo é o único refuxio de pescadores do municipio e a súa reforma será un atractivo en si mesmo no marco da posta en valor da zona a través do Fronteira Esquecida. Un proxecto que inclúe a reuperación, por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, da ponte anexa de Ponte Soutelo, que presenta un estado “moi perigoso”, así como o acondicionamento dun camiño desde a ponte ata Barxés, completando a rede de carreiros que, no termo municipal de Muíños, bordea todo o encoro de As Conchas.

Fontes:

Antes

Después

Scroll ao inicio