fbpx

Que ver?

Paraíso natural entre dous países

A zona situada arredor do río Limia-Lima sorprende con multitude de elementos naturais e culturais, así como unha grande oferta de rutas e actividades vinculadas á súa contorna. No seguinte mapa podes ver en azul os 15 municipios que percorre o río, desde o monte de Sarreaus (1) e Xinzo de Limia (2) pasando polos principais territorios da Baixa Limia, como Bande (7), Muíños (8), Lobeira (9), Lobios (10) e Entrimo (11), ata Ponte de Lima (14) e Viana do Castelo (15), en PortugalEn verde sinalamos tamén os lugares de interese que atoparás durante a viaxe, entre os que destaca o corazón do territorio transfronteirizo, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, que comparte espazo co Parque Nacional da Peneda-Gerês. 

Lugares de interese

Gerês-Xurés: Reserva da Biosfera Transfronteiriza

Gustaríache descubrir unha das zonas máis apaixonantes da Galicia interior? A comarca da Baixa Limia e, en concreto, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés constitúen unha das maiores reservas naturais da rexión. As ladeiras e os vales da zona acollen manchas de grande extensión de bosques autóctonos.

Couto Mixto: un territorio con historia entre Calvos de Randín e Baltar

Antigo territorio que, ata o século XIX, se constituía como entidade xeopolítica independente de España e Portugal. Os habitantes rexíanse de xeito independente e, na actualidade, seguen mantendo de forma simbólica algunhas particularidades desa historia.

Aquis Querquennis – Impresionantes restos arqueolóxicos romanos

Complexo arqueolóxico romano Aquis Querquennis, en pleno corazón do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, Reserva Mundial da Biosfera e parque transfronteirizo.
Está formado por diversos edificios construídos en datas sucesivas.

Sarreaus: onde comeza o río

O río Limia nace no monte Talariño, na parroquia de Paradiña do concello de Sarreaus. Aquí atopamos un lugar privilexiado para camiñar arredor de vales e montañas. Pronto compartiremos máis detalles e lugares de interese sobre este territorio. 

Xinzo de Limia: carácter histórico

Para comezar a descubrir o patrimonio natural e cultural que rodea o río Limia-Lima debes visitar o territorio galego que leva o seu nome, situado a 40 km de Ourense. En Xinzo de Limia encontrarás espazos máxicos, natureza e un atractivo barrio antigo. Aquí se sitúa a lagoa de Antela, un dos maiores lagos de auga doce da península, ata que se desecou definitivamente en 1938, e os montes da Pena e alto da Medorra. A penúltima fin de semana de agosto celébrase a Festa do Esquecemento, coa que se rememora o cruzamento do río Limia polas tropas romanas. 

Aquí poderás gozar tamén do parque do Toural, á beira do río Limia. O paseo fluvial conta con bancos, zonas de descanso e interesantes rutas pola natureza da contorna. Ademais, non moi lonxe, sitúase o Museo Galego do Entroido, no que descubrir unha mostra do carnaval máis etnográfico, tradicional e artístico de Galicia: o de Xinzo de Limia. Esta é unha cita obrigada, xa que o entroido desta vila conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional

Sandiás: no corazón da Antela

O concello de Sandiás destaca polo seu patrimonio cultural e natural, entre o que destaca a torre do castelo medieval do Castro ou a igrexa gótico-renacentista de Santo Estevo de Sandiás, coa súa fermosa portada de estilo manuelino, que celebra 500 anos en 2020 (1520-2020), así como os miliarios da Vía Nova de Vilariño das Poldras e Zadagós, testemuñas dunha das vías romanas de máis importancia do noroeste da península que unía as cidades de Braga e Astorga. Así mesmo, conta con salientables elementos de arquitectura popular e tradicional, como o Pazo do Telleiro en Couso de Limia.

No patrimonio natural destacan as vellas areeiras recuperadas artificialmente, despois de finalizar a extracción de áridos, mediante actuacións deseñadas para dar acollida a unha pequena parte da fauna e a flora que un día ocupou a antiga lagoa de Antela, desecada nos anos 60-70. Conta con observatorios de fauna en varios puntos das zonas protexidas.

  

Vilar de Santos: parada obrigatoria no Museo da Limia

O concello de Vilar de Santos, xunto a Rairiz de Veiga, A Bola e Allariz, situados no sueste da provincia de Ourense, foron declarados Reserva da Biosfera pola Unesco en 2005. Aquí é parada obrigatoria o Museo Etnográfico da Limia, onde se expoñen pezas etnográficas procedentes de toda a comarca da Limia, doadas na súa maioría polos propios veciños da zona. Poderás descubrir, entre outras cousas, ambientacións sobre as vivendas tradicionais e a vida no medio rural. 

Rairiz de Veiga e Porqueira

O río Limia pasa tamén polos municipios de Rairiz de Veiga e Porqueira. Destacamos destes territorios a riqueza da paisaxe, que conserva, no caso de Rairiz de Veiga, unha abundante e variada vexetación autóctona. Pronto publicaremos imaxes, rutas e máis información sobre estes municipios. 

Bande- Aquis Querquennis – Impresionantes restos arqueolóxicos romanos

O máis destacado deste municipio atópase en Porto Quintela, a só 8 km da capital da localidade, onde se localiza o complexo arqueolóxico romano Aquis Querquennis, en pleno corazón do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Consérvanse aquí abundantes restos arqueolóxicos, entre os que destacan numerosos dolmens e os castros de Lebosandaus, Sarreaus e Rubiás.

Visitar Calvos de Randín para descubrir máis sobre a historia do Couto Mixto

En Calvos de Randín atópase o centro de interpretación dedicado á historia do Couto Mixto, un espazo xeográfico, político e humano único que durante séculos sobreviviu como unha auténtica rareza dentro da comarca. Entre os lugares de interese de Calvos de Randín tambén se encontran a igrexa parroquial de Santiago de Calvos, a igrexa de San Xoán, o Pazo dos Tejada e o forno de Randín. Aquí podes consultar máis información sobre o territorio e os seus habitantes

Muíños: exemplo de aproveitamento e uso responsable da auga

A gran protagonista deste municipio é a auga, xa que se trata dun recurso aproveitado ao longo da historia para construír muíños, pontes, fontes e levadas. Actualmente a súa utilización ampliouse e está centrada no uso deportivo e recreativo no complexo do Corgo. 

En Muíños destaca o devandito complexo turístico O Corgo, que conta con cámping, bungalows e centro de actividades acuáticas. Aquí atopase tamén o Parque Outeiro da Cela, onde se sitúa unha plantación de 30 árbores que son as especies autóctonas do Xurés. Imprescindible é, así mesmo, visitar la praia fluvial do Corgo no encoro das Conchas. 

Muíños conta con zonas de mámoas e dolmens. É parada obrigatoria a Necrópole de Outeiro de Cavaladre e a de Maus de Saldas.

Lobeira: riqueza fluvial e unha contorna natural privilexiada por descubrir

Dentro da comarca da Baixa Limia encóntrase este municipio, que alcanza os 1300 metros de altitude e que vai descendendo desde a parte occidental ata o Limia. O territorio abrangue a conca do río Grou ou Aveleda, colector dunha serie de cursos de auga, nacidos na serra do Leboreiro, fronteira con Portugal, e que desemboca no río Limia.

Lobeira sitúase nunha contorna natural de excepción, con importantes achados arqueolóxicos. Recoméndase visitar as ruínas do mosteiro de Cabaleiros, o muíño do río Fragoso, a Casa de Xocas ou a igrexa de Nosa Señora do Viso, entre outros puntos de interese. A contorna privilexiada invita a realizar un paseo pola beira do río Fragoso

Lobios: os tesouros que agocha o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Este municipio destaca polo termalismo e os sendeiros rodeados de natureza. As rutas que se poden realizar en Lobios contan cun importante valor paisaxístico, xeolóxico e arquitectónico. Coas termas e o balneario á beira do río Caldo, pequeno afluente do Limia, o lugar conta cun complexo termal de alta calidade.

Entrimo: idílicos espazos naturais entre ríos e aldeas

Cando se chega a Entrimo son imprescindibles lugares como o pantano de Olelas e o río Laboreiro (reserva internacional fluvial). Conta con impresionantes fervenzas como as das Pozas do Mallón e un paseo cun miradoiro que bordea el río ata as pozas.

A Área Recreativa das Perdices é un lugar no que gozar da natureza e da súa praia fluvial, con merendeiro e un bonito paseo onde se explican as árbores e a flora autóctona.

Ponte da Barca: vila de contrastes en pleno parque nacional

Á beira do río Limia-Lima e integrada no Parque Nacional da Peneda Gerês, atópase esta vila portuguesa cuxo nome se debe á barca que antigamente, antes da construción da ponte no século XIV, se utilizaba para cruzar o río. Trátase dunha vila verde, cun pequeno barrio histórico, con agradables paseos para percorrer andando ou en bicicleta e con condicións inmellorables para realizar actividades de lecer e deportivas.

Ponte da Barca é unha comarca de contrastes. Poderás visitar  un dos maiores encoros da península e o maior produtor hidroeléctrico de Portugal e das estruturas máis altas deste país: o encoro de Alto Lindoso.

O monumento máis significativo, xunto ao devandito encoro de Lindoso, é o castelo de Lindoso e, aos pés deste, a maior concentración de hórreos  de Europa, denominados  espigueiros (62 hórreos). Outros monumentos no concello son: a igrexa matriz, o Pelourinho, o Mercado Pombalino, as igrexas dos mosteiros de Bravães, Crasto e Vila Nova de Muía.

O valor do patrimonio  natural de Ponte da Barca é inmenso ao encontrarse en pleno Parque Nacional da Peneda Gerês: ríos, arroios, fervenzas e multitude de paisaxes en contacto coa natureza.

Arcos de Valdevez: clave na historia de España e Portugal

Detrás desta pequena cidade do norte de Portugal sitúase un gran patrimonio natural e histórico. O Reencontro de Valdevez entre as tropas de Alfonso VII do reino de León e Alfonso Henriques (primeiro rei de Portugal) supuxo o último empurrón cara á consagración do reino de Portugal. Crese que a loita foi tan feroz que as augas do río Vez se volveron vermellas.

Entre o máis destacado para visitar está a Ponte dos Arcos e o parque Porta do Mezio (unha das entradas á serra da Peneda). Este parque de aventuras é ideal para actividades enfocadas ao lecer en familia. Tamén son imprescindibles os bonitos miradoiros que podes encontrar aquí e o afluente máis importante do río Limia, o río Vez, onde a actividade por excelencia é a pesca con pluma. 

Non podes marchar de Arcos de Valdevez sen visitar a súa aldea máis pintoresca, Sistelo, coñecido como “o pequeno Tíbet portugués”.

Sistelo
Sistelo
Sistelo Arcos de Valdevez

Ponte de Lima: a vila máis antiga de Portugal

A vila máis antiga de Portugal agocha raíces profundas e lendas ancestrais. A ponte, que lle deu nome a esta nobre terra, sempre contou cunha importancia de gran transcendencia en todo o Alto Miño, pois serviu como único paso seguro do río Lima, en toda a súa extensión, ata o final da Idade Media. Un dos principais atractivos deste territorio é a súa gastronomía, e os pratos por excelencia son o arroz sarrabulho, o “pica no chao” e a lamprea. 

En canto ás actividades deportivas destaca o piragüismo e recuperouse un barco tradicional que circula polo río Limia. Destacan tamén as paisaxes protexidas das lagoas de Bertiandos, São Pedro de Arcos e a meseta dos Catro Abades. Cómpre mencionar tamén o Centro Ecuestre Vale do Limia.

Viana do Castelo: riqueza e actividades entre mar, río e montañas

Chegamos á desembocadura do río Limia-Lima e atopamos Viana do Castelo, a cidade atlántica máis setentrional de Portugal, situada a uns 25 minutos do aeroporto internacional do Porto. O río, as montañas e o mar confírenlle á cidade excelentes calidades paisaxísticas.

Unha das paisaxes máis fermosas de Viana do Castelo é a que se contempla desde o santuario de Santa Luzia, con impresionantes vistas panorámicas desde a cúpula, situado no outeiro de Santa Luzia, onde se poden ver as ruínas prerromanas (Citania de Santa Luzia).

Recoméndase visitar un dos seus mellores museos, o barco hospital Gil Eannes, construído en 1955, que prestou asistencia durante décadas á flota bacallaeira portuguesa que faenaba nos bancos de Terranova e Groenlandia.

Esta zona conta con excelentes condicións para a práctica de deportes, como o windsurf, o kitesurf, o remo e o piragüismo.

Fronteira Esquecida Limia-Lima é un proxecto destinado a potenciar os recursos naturais e culturais do río Limia-Lima e a súa contorna.

Galería

Proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. www.poctep.eu

Scroll ao inicio

SUSCRÍBETE A LA NEWSLETTER