Territorio
Que é o territorio transfronteirizo río Limia-Lima?
Este territorio transfronteirizo flúe entre España e Portugal ao longo dos 108 km do río Limia-Lima. Nace nas serras galegas para percorrer as comarcas ás que lles dá nome, Alta e Baixa Limia, e terminar nun impresionante tramo final polas terras do norte de Portugal de Ponte de Lima e Viana do Castelo, e desembocar no océano Atlántico.
Na fronteira encóntrase o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, un espazo natural con características biolóxicas e paisaxísticas especiais. Adquiriu o devandito status de protección no ano 1993, en virtude da Lei 4/1989 de conservación de espazos naturais e da flora e a fauna silvestres. Este parque natural, xunto co Parque Nacional Portugués da Peneda-Gêres, forman a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gêres-Xurés.
Os seis municipios que serven de entrada á Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés
Entre os principais territorios de Ourense que serven de entrada á Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX) encóntranse Calvos de Randín (A Limia) e os da Baixa Limia (Bande, Muíños, Lobeira, Lobios e Entrimo).
Parque Gerês-Xurés - Reserva da Biosfera
Ao longo das súas 20 920 hectáreas, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés esténdese polo sur da provincia ourensá na mesma liña que o Parque Nacional Portugués de Peneda-Gêres. Destaca polo súa gran variedade de ecosistemas (vales aluviais, bosques caducifolios, turbeiras, monte baixo e pradeira de montaña) e polas numerosas cantidades de especies endémicas presentes nos seus hábitats. O lugar conta tamén cunha valiosa bagaxe histórica, artística, etnográfica e gastronómica.
A Unesco declarou o Parque Gerês – Xurés como Reserva da Biosfera en 2009. Trátase dunha contorna privilexiada, perfecta para a realización de rutas (a pé, a cabalo ou en bicicleta) as cales nos permiten, de forma tranquila e respectuosa co medio, gozar da paisaxe, a flora e a fauna do parque e das comarcas limítrofes.
A fermosa historia da contorna do Parque Transfronteirizo Gêres-Xurés
Ao longo de toda a Reserva da Biosfera Transfronteiriza, afastada dos principais núcleos de poboación dos dous países, existen vestixios visibles de antigos asentamentos. Algúns con forma de megálitos ou mámoas, pero tamén en forma de túmulos e dolmens, testemuñas fundamentais da habilidade dos antigos habitantes destas terras. Tamén se atopan multitude de castros en diferentes estados de conservación.
Equilibrio entre actividade humana e medio natural
Desde os tempos proto-históricos realizáronse técnicas agrícolas e silvopastorís que permitían un equilibrio entre a actividade humana e o medio natural, o que posibilitou a manutención dun patrimonio natural e cultural dun valor excepcional e único. Hoxe en día aínda podemos encontrar vestixios megalíticos, celtas, romanos e medievais.
A pegada de antigos pobos
Ademais dos restos arqueolóxicos dos romanos, outros pobos deixaron tamén a súa pegada na zona, como é o caso dos suevos e os visigodos. Encontramos neste período a igrexa visigoda de Santa Comba de Bande, por exemplo. Da época moderna consérvanse pazos e estruturas como A Trincheira, situada en Lobios, que servía para a defensa da zona durante a guerra con Portugal.
Xacementos arqueolóxicos romanos
Á beira do río Limia-Lima os romanos tamén construíron o campamento de Aquis Querquennis, do que se conservan restos actualmente. Este impresionante complexo arqueolóxico romano encóntrase na localidade de Bande, onde se pode realizar un percorrido polas ruínas exhumadas do campamento militar, a mansión viaria (pousada de viaxeiros) e as termas. Todo nunha paisaxe de indubidable beleza.
Couto Mixto: legado inmaterial
As orixes deste territorio poderían remontarse á Idade Media. Trátase dunha zona que se constituíu como entidade xeopolítica independente dos reinos de España e Portugal, e que se gobernou, por así dicilo, a si mesma. Os habitantes rexíanse de maneira independente e a súa maior autoridade era o xuíz do Couto. No século XIX o Couto Mixto integrouse en España, pero a súa poboación segue mantendo de forma simbólica algunhas particularidades desa historia.
Fontes de información: Portas do Xurés | Reserva Biosfera Gerês Xurés | Aquis Querquennis
Fronteira Esquecida Limia-Lima é un proxecto destinado a potenciar os recursos naturais e culturais do río Limia-Lima e a súa contorna.
Galería
río limia-lima
Proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. www.poctep.eu