fbpx

A Clamadoira

A Clamadoira

A Clamadoira

Esta pequena ermida está situada no monte homónimo. Unha elevación dende a que podemos obter unha inmellorable panorámica do val das Conchas, sendo o espazo escollido para o festexo dunha romaría. O lugar conta con varias mesas, fonte e un fermoso cruceiro.

A romaría na honra da Virxe celébrase cada segundo domingo de setembro. Uns meses antes, en maio, celébrase a ”Baixada da Clamadoira”, é dicir, o traslado da Virxe ata a igrexa de San Pedro de Muíños, imaxe que é recuperada no mes de agosto devolvéndose á capela para a romaría ata o seguinte ano.

Coa construción do encoro perdéronse camiños e multiplicouse a distancia ata o alto do monte. Aínda así, non perdeu adeptos que peregrinan cada ano á celebración na honra da Nosa Señora. Todo o enclave está rodeado por carballos, seis deles, centenarios, propostos hai unha década para formar parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, trámite aínda sen resolver.

A construción da igrexa data do século XVIII. Foi edificada con granito como material principal. Ten planta rectangular e unha soa nave. A zona da ábsida está máis elevada que a nave. No exterior destaca a súa espadana con decoración de volutas na parte inferior e un óculo debaixo da cruz. A cabeceira remátase con pináculos a modo de ornato.

Na fachada principal atópase a porta de entrada e dúas pequenas ventás nos laterais. No interior gárdase un retablo policromado con columnas corintias.

Localización

Lugar Barrio, 34, 32898, 32898, Muiños, Ourense.

Coordenadas:

41.94683995187634, -7.987626941138356 HTML tutorial
Ver en Google Maps

Lendas / Historias vencelladas

Contan os veciños que no lugar onde se atopa a capela, antigamente se xuntaban os parroquianos para convocar á defensa dos mouros. Tamén se di que nos descansos das faenas no agro, os labregos se encomendaban á Virxe, pedíanlle a súa bendición sentíndose mirados por ela dende a súa atalaia na Clamadoira. Na novena a ela dedicada cantan: “acende as nosas lámpadas, Señora, antes que as tebras convertan a esperanza en feridas e troquen a fe en xeada” co fermoso himno do poeta Manolo Blanco Luis.

A Clamadoira

Información de interese

O acceso ao exterior é libre. Para a visita ao interior recoméndase atender ao calendario de oficios e á propia romaría.

Pode obterse máis información:

– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl

– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/

Bibliografía

Pérez Domínguez, J. (14-9-2008, LaRegion) A clamadoira. Consultado online e recuperado de: https://www.laregion.es/opinion/jose-perez-dominguez/clamadoira/20080914020000243650.html

Rede de Portas do Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés. Consultado online e recuperado de: www.portasxures.es

 

Descarga

Galería

Scroll ao inicio