Centro de Interpretación e xacemento arqueolóxico de Aquis Querquennis
Centro de Interpretación e xacemento arqueolóxico de Aquis Querquennis
O campamento romano de Aquis Querquennis atópase na localidade de Porto Quintela, no concello de Bande. Hoxe en día asolagado parte do ano polas augas do encoro das Conchas. Está declarado Ben de Interese Cultural.
O lugar era coñecido entre a veciñanza como A Cidá e varios investigadores fixaran a súa atención na zona dende tempo atrás. Con todo, non sería ata as campañas comezadas en 1975 cando se identifican por fin dúas zonas arqueolóxicas diferentes e de alto interese histórico: o campamento militar romano e a mansión viaria.
Este asentamento militar romano ten relación coa construción da Vía XVIII, ou Vía Nova, que unía Braga con Astorga. Actuando así como punto estratéxico e control da vía nos séculos primeiro e segundo da nosa era.
O recinto militar érguese cunha forma rectangular e coas esquinas redondeadas, ocupando o conxunto máis de dúas hectáreas de superficie. As campañas arqueolóxicas practicadas dende hai décadas permitiron rescatar varias edificacións: o cuartel xeral (principia), dous hórreos (horrea), un hospital (valetudinarium) e cinco barracóns para as tropas (strigia). Ademais destes edificios, son visibles canles de drenaxe, latrinas, unha vía perimetral (via sagularis) e un sistema defensivo que combina foxos e murallas en pedra.
Preto do campamento encóntrase a mansión viaria, a medio camiño entre o asentamento militar e a zona de termal de O Baño. Considérase esta unha das maiores mansións de toda a Vía Nova. Podendo ver hoxe restos dun patio con muro e cisterna central; un curral con forno e varias estancias dunha edificación con canles no chan, lareira e porta de entrada.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
Información de interese
Recoméndase comezar o percorrido no Centro de Interpretación, dende onde se poden reservar visitas guiadas ao campamento.
O acceso ao xacemento é libre. Recoméndase consultar previamente a cota de inundación do encoro pois parte do ano este cubre as estruturas arqueolóxicas.
Teléfono de información: 0034 988 040 127
Web do proxecto de recreación de vídeos 3D con persoas reais en Aquis Querquennis (Aquis 3D): http://www.aquisquerquennis.es/
Web da Fundación Aquae Querquennae (Centro de Interpretación): https://querquennis.com/
Pode obterse máis información:
– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/
Bibliografía
Carballo Arceo, Xulio: Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Nigratrea, 2006.
Descubre el Complejo Arqueológico Aquis Querquennis. Consultado online y recuperado de: <https://querquennis.com/zona-arqueologica/>
Ferrer Sierra, Santiago; Rodríguez Colmenero, Antonio; Vega Avelaira, Tomás: Los principia del campamento romano de Aquae Querquenae (Portoquintela-Ourense-España). Excavaciones arqueológicas de los años 2003-2005.
Rodríguez Colmenero, Antonio: Aquae Querquenae. Campamneto militar romano e mansión viaria. Guía do xacemento arqueolóxico. 2009