Complexo Turístico-Deportivo “O Corgo”
Complexo Turístico-Deportivo “O Corgo”
O concello de Muíños conta cun grande complexo turístico e deportivo emprazado dentro do propio Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés e a pouco máis de 10 km de territorio portugués. Sitúase á beira do encoro das Conchas e conta cunha superficie de 26 hectáreas. Coñécese co nome de “O Corgo”. Ten dúas praias fluviais, merendeiros e servizo de bar. O espazo natural conta ademais con máis de 30 mil árbores de sesenta especies diferentes.
Conta tamén con aloxamento: tres albergues, cámping (con capacidade para 300 persoas), seis apartamentos (bungalows) totalmente equipados, pistas deportivas, salas multiusos con terrazas, piscinas e un centro de interpretación. O albergue “O Corgo” ten 106 prazas, en dormitorios de 30, 20, 15, 10, 6 e 4 prazas, e unha cociña con comedor panorámico sobre o encoro, ideal este para a práctica de diferentes actividades deportivas. Pola súa parte, a residencia “A Rola”, é ideal para familias e grupos reducidos en cuartos de 6 prazas con baño, restaurante e cafetería, ademais do edificio “socioxuvenil”.
Ao lado destas instalacións existe unha fermosa praia fluvial con peirao para embarcacións, servizo de aluguer de remo, barco móbil e canoas; barcos de axuda e socorrismo, chalecos, etc.
As salas multidisciplinares están cubertas, e hai servizo de monitores de tempo libre, sendeirismo, actividades deportivas e posibilidade de contratar excursións organizadas.
Xusto nun dos laterais, sitúase a “Porta de Muiños”, co “Centro de Interpretación da Auga”, outro recurso esencial para poder comprender o sentido que a auga ten neste concello e en todos os da propia cunca.
Localización
Estrada Ou-540, 0 S N, 32880 Muíños, Ourense.
Coordenadas:
41.96304217612131, -7.982355383742746Ver en Google Maps
Lendas / Historias vencelladas
Información de interese
Para calquera consulta ou reserva recoméndase poñerse en contacto no teléfono 0034 988 456 403.
No lugar é recomendable visitar a Aula Arqueolóxica do Megalitismo do Val dos Salas e da Serra do Leboreiro. Pode obterse máis información:
– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/