Conxunto de San Pedro: igrexa e árbores senlleiras
Conxunto de San Pedro: igrexa e árbores senlleiras
A igrexa de San Pedro, no mesmo núcleo histórico de Bande, construíuse no século XVIII. É de estilo barroco, pero a pesares diso, presenta uns muros sinxelos e con pouca decoración. A súa planta é de cruz latina, con robustos muros. As cubertas empregan diferentes tipos de bóvedas: de canón e cruceiría. No seu interior poden observarse diferentes altares e retablos tamén barrocos.
No exterior linda coa casa reitoral na que se pode observar un escudo que fai referencia á pertenza da igrexa ao mosteiro de San Salvador de Celanova. Ambas edificacións están acompañadas por tres carballos centenarios. Os tres aparecen recollidos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia polas súas características. As súas alturas oscilan entre os 13´40m; 15m e 16´90m. Con perímetros de entre 3´75m e 5´50m. Estímaselles unha idade de entre 200 e 300 anos.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
Os tres carballos teñen a súa propia lenda. Cóntase que foron plantados por uns monxes coa finalidade de ensinarlles aos veciños a mellor época para cultivar diferentes produtos. Disque cando florece o carballo do medio é o tempo de plantar as patacas. Ás dúas semanas florecerá o que está máis ao norte e será tempo de sementar o millo. E finalmente, o carballo do sur dará a data para plantar as fabas.
Información de interese
A praza na que podemos atopar este peculiar conxunto foi arranxada a comezos do século actual. Vemos tamén unha fonte e un cruceiro. Nas proximidades pode accederse a unha ampla oferta de tendas e restauración.
O acceso é libre. Para a visita ao interior da igrexa haberá que ter en conta o horario de oficios.
Pode obterse máis información:
– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/
Bibliografía
Catálogo de árbores senlleiras. Documento “Árbores con historia. Ruta Ourense Occidental”. Xunta de Galicia, Consellería de medio ambiente, territorio e vivenda.