Ecovia do Vez e do Lima
Ecovia do Vez e do Lima
O proxecto Ecovía do Vez e do Lima une o percurso de ambos ríos a modo de agradable sendeiro fluvial. Supuxo a consolidación das redes de rutas do Alto Minho, de maneira a integralas nun contexto estratéxico, e nunha área dunha calidade ambiental e natural sen igual, na contorna do Parque Nacional Peneda-Gerês e da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX).
Estamos, pois, ante un espazo con grande “eco-personalidade”, pedagóxico, que recupera vellos camiños tradicionais e que os pon á disposición de excursionistas á busca de contacto co mundo rural. Máis alá da práctica do sendeirismo e do turismo activo, son rutas que permiten realizar actividades de interpretación ambiental e etnográfica, o que contribúe á súa vez ao desenvolvemento sostible da zona.
Así, estas rutas deberían ser vistas como infraestruturas públicas de deporte e lecer, cuxa función vai máis alá da práctica do sendeirismo e do turismo activo, xa que son lugares por excelencia para actividades como a educación e a interpretación ambiental e etnográfica, podendo así contribuír ao desenvolvemento sostible das zonas rurais (que son maioría, aínda que haxa algún pequeno treito que vaia por trazado urbano).
A Ecovía do Vez ten unha extensión de 32’5km ao longo do Limia e do Vez. No Limia, discorre pola marxe dereita entre Jolda de São Paio e Arcos de Valdevez. Xa no Vez, dúas etapas máis, ata a ponte de Vilela e de alí ata a pintoresca aldea con socalcos de Sistelo, unha das “7 marabillas de Portugal”, candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO e á que algúns comparan mesmo co Tibet. Boa parte do percorrido dispón de pasarelas de madeira, perfectamente camufladas no medio. Tamén se pode desfrutar nalgunha das varias praias fluviais, ou visitar muíños, pontes medievais, a foz do río Cebreiro, etc. Só o último treito, chegando a Sistelo (se se fai nese sentido) presenta algunha dificultade, compensada seguro coa maxia do lugar.
A Ecovía do Lima inclúe Viana do Castelo, Ponte de Lima, Ponte da Barca e Arcos de Valdevez, que conxuntamente con Esposende e Caminha crearon o proxecto “Caminhos do Lima” e “Guarda-Ríos”, de xeito a intervir na área ambiental con iniciativas que buscan sensibilizar á poboación, preservando a natureza e fomentando o ecoturismo. Esta ruta paralela ao Lima está constituída por 6 treitos que van (en sentido remontando o río, marxe esquerda) entre Deão (Viana) a Ponte de Lima (“percurso das veigas”), Ponte da Barca (“percurso dos açudes”), Fontão (“percurso das lagoas”), Arcos de Valdevez (“percurso de Refóios do Lima”, dobre, na marxe dereita) e Vilarinho de Souto/Ermelo (“percurso de Ermelo”) Coa previsión de ampliación, preténdese que a ecovía poida chegar aos centros urbanos, creando un percorrido circular único polas dúas marxes do Lima.
Localización
Saída da ruta dende Arcos de Valdevez. Passadiço do Mortemo
Coordenadas:
41.84644032388725, -8.41648063400084Ver en Google Maps
Lendas / Historias vencelladas
Información de interese
Acceso libre. Boa sinalización. Cómpre planear ben o treito escollido, levar auga e calzado cómodo.
Bibliografía
Ecovia do Vez. Sitio web oficial. Dispoñible en: https://www.ecoviadovez.com/
Ecovia do Lima. Información dispoñible en: https://www.ciclovia.pt/ciclovias/1norte/1viana/rlima/rlima.php
Páxina web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl