Ribeira da Carcerelhe
Ribeira da Carcerelhe
Na Serra da Ermida, no Parque Nacional da Peneda-Gerês, o cal forma parte da Reserva da Biosfera Transfronteriza Gerês-Xurés (RBTGX), a Ribeira da Carcerelhe é un paraíso de augas frescas, puras e cristalinas. A pouca distancia da aldea, e moi preto da estrada nacional que leva a Ponte da Barca, é imposible permanecer indiferente a tal marabilla. Sobre todo no verán, aínda que o río permite realizar actividades deportivas en todas as épocas do ano. Deste xeito, pódense practicar modalidades como o rapel, a escalada, o sendeirismo e mesmo o barranquismo.
Varias das fervenzas, cómpre lembrar, tan só son visibles cando se sae do coche e nos aproximamos ao precipicio. A maior, de mais 10 metros, vese moi ao fondo. Alí existe a posibilidade de mergullarse nunha poza cristalina, e de desfrutar dos chorros da auga a caer.
O Carcerelhe é un regato de montaña, afluente do Froufe. Entre as fervenzas e a aldea de Ermida, a 1’5km pola estrada, existe a posibilidade de deterse a contemplar a serra dende un miradoiro natural (Miradouro da Ermida) con boas vistas, tanto para a propia aldea como para a Serra Amarela. É habitual ver cabalos, vacas cachenas e outros animais a pastar nas proximidades.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
Información de interese
Entrada libre, accesos susceptibles de seren escorregadíos. Cómpre pór atención.
Bibliografía
Galacho, J. P (21-8-2016, Expresso) O vale perdido de Carcerelha e o homem que afogava os lobos e a mim na albufeira. Dispoñible en: https://expresso.pt/sociedade/2016-08-21-O-vale-perdido-de-Carcerelha-e-o-homem-que-afogava-os-lobos—e-a-mim—na-albufeira
Páxina web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl