Os visitantes poderán tomar fotografías en dezaseis puntos da provincia de Ourense cun alto interese paisaxístico, co nexo común do río Limia.
No marco das actividades do proxecto Fronteira Esquecida, cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG VA España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, a Deputación de Ourense creou este Itinerario Fotográfico transfronteirizo potenciando os recursos naturais e culturais do río Limia e en base a iso, crear e desenvolver unha estrutura de xestión e promoción conxunta que potencie o aproveitamento turístico da zona ata a fronteira.
A Deputación de Ourense é beneficiaria principal do proxecto Fronteira Esquecida, cuxo obxectivo principal é potenciar os recursos naturais e culturais do río Limia-Lima e a súa contorna.
Por iso, deseñouse un itinerario fotográfico transfronteirizo que percorre os once concellos que atravesa o río Limia, no cal se sinalaron por profesionais da fotografía, un total de dezaseis puntos de alto interese paisaxístico onde o río actúa como nexo. En sete destas localizacións instaláronse soportes selfi para dar a posibilidade aos visitantes de tomar instantáneas dun nivel paisaxístico elevado.
Este pequeno poste metálico constitúe unha novidade pola súa aplicación na comunicación turística, útil para compartir as fotografías e autorretratos nas redes sociais.
Os puntos onde se atopan estes soportes son:
- O miradoiro do Xurés (Bande)
- A área recreativa do complexo do Corgo (Muíños)
- O miradoiro de Farnadeiros (Muíños)
- O miradoiro do Viso (Lobeira)
- O miradoiro de Piteira (Lobios)
- O miradoiro do Carballón (Lobios)
- O miradoiro do Pedreiriño (Entrimo)
Potenciar os recursos naturais e culturais do río Limia – Lima
Así mesmo, como complemento, proximamente realizarase unha exposición fotográfica transfronteiriza coas mellores fotografías de todo o territorio trasnfronterizo que baña o río Limia-Lima, desde o seu nacemento no Monte Talariño (Sarreaus) ata a súa desembocadura en Viana do Castelo, realizadas por profesionais ourensáns -Paco Rocha, Rosa Veiga e Miguel Souto- e portugueses, a cal terá lugar entre o 2 e o 17 de Maio no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Descobre o Itinerario Fotográfico do Destino Río Limia-Lima nesta ligazón.
Fonte: Diputación de Ourense

