Castelo da Picoña
Castelo da Picoña
Situado en plena Raia Seca, no denominado “Outeiro da Almena”, na parroquia de Randín, emerxe monumental os restos dunha fortaleza que actuaba de cabeza das “Terras da Picoña”, defendendo o propio Couto Mixto. Na actualidade tan só se conservan visibles os alicerces e o alxibe do que no seu día debeu de ser un verdadeiro conxunto defensivo.
Emprazamento estratéxico, a 932 metros de altura, encontrábase este antigo castelo que estivo en poder de Portugal (A Piconha). Ademais de defender o Couto Mixto, dende alí controlábase a localidade de Tourém e o Camiño Privilexiado que os unía.
Construído por Alfonso III de León (s. X), sería Sancho I de Portugal o que lle outorgase a carta foral a San Paio de Picoña, con categoría de vila. A fortaleza foi arrasada por Castela no século XIV, pero pouco despois é reconstruída por João de Portugal, e doada a D. Afonso, futuro Duque de Bragança. Destruída novamente na Guerra de Restauración portuguesa (S. XVII). Xa no 1864, grazas ao Tratado de Lisboa, o Couto Mixto e o termo de Picoña pasan ao lado español da historia.
Polo S. XVI sabemos (documento que manda confeccionar D. Manuel de Portugal) que, dentro do debuxo dos 56 castelos portugueses, aparece esta fortaleza, con torre do homenaxe e ponte de madeira apoiado na rocha da montaña, como acceso.
Recentemente, o Concello de Calvos de Randín e a Asociación do Couto Mixto promoveron o proxecto para a recuperación e valorización dos recursos do Couto Mixto e do entorno, centrándose sobre todo no patrimonio arqueolóxico medieval e no xacemento da Picoña, catalogando, adecuando e identificando todo o relativo ao territorio onde se asentaba. Así mesmo, procedeuse a definir os restos, os diferentes sectores do castelo (estancias, escaleiras, alxibe), e identificando os gravados das rochas, restos de cerámica, unha moeda (s. XIII-XIV) e mesmo unha punta de ballesta.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
O castelo desapareceu hai máis de 3 séculos, pero aínda pervive na memoria popular a través da tradición oral, como demostra unha lenda recollida en Rubiás, localidade pertencente ao Couto Mixto:
Aí, vindo de Randín para aquí, hai un montiño ao que lle chaman A Picoña, onde houbo un castelo. Nese lugar era onde dicía a xente que estivera exiliado o rei que había aquí, ou o xefe. Que enriba, mesmo no alto, hai coma se fose unha pía ou bañeira feita na pedra, da que contan que era onde se lavaba o rei.
Información de interese
O acceso ao xacemento é libre pero debe facerse a pé seguindo as indicacións dunha ruta balizada ao efecto. Razón pola que recoméndase atender as características do terreo e á meteoroloxía do día. Pódese solicitar máis información no teléfono 0034 988 434 000.
Bibliografía
Vía Lethes: A Picoña, a antiga fortaleza do Couto Mixto.