Couto Mixto – Santiago e Rubiás
Couto Mixto – Santiago e Rubiás
O chamado Couto Mixto estaba formado polos pobos de Santiago, Rubiás (ambos no concello de Calvos de Randín) e Meaus (concello de Baltar). Foi un territorio que se autogobernou durante sete séculos.
Situados na fronteira con Portugal, a súa historia remóntase ao século XII, chegando considerar a República do Couto Mixto como o estado máis antigo de Europa. A principal tese da súa orixe está nos “coutos homiciados” que eran refuxios de fuxitivos e/ou abrigos de refuxiados. Creados na líquida fronteira actual durante a Idade Media, eran tamén o lugar onde os presos cumprían condena, repoboando as terras despois da chegada dos musulmáns.
A realidade fálanos dun pequeno territorio conformado como estado democrático e alleo ás dúas coroas que o rodeaban ata o século XIX. A súa extensión era de 27km2, aos pés mesmo das Serras do Larouco e de Pena.
Os seus habitantes tiñan unha serie de privilexios con respecto ao resto da poboación de ambos reinos. Non estaban obrigados a escoller nacionalidade (podían ser dalgún dos dous reinos ou mixtos). Non pagaban a maioría de impostos e taxas. Comerciaban e cultivaban de forma libre (mesmo tabaco). Non estaban obrigados a levar ningún documento que os identificase. E non tiñan porque enviar homes ao exército.
No Couto Mixto mandaba un Xuíz escollido democraticamente en asemblea polos veciños. Este Xuíz escollíase cada tres anos e estaba apoiado polos “Homes de acordo”, dous homes de cada lugar. Estes eran os delegados do xuíz en cadanseu lugar (aldeas ou lugares de Santiago, Rubiás e Meaus). Así mesmo, contaban con “vigairo de mes” (alguacil) que era o encargado de executar as ordes. Santiago era a súa capital e centro administrativo. Meaus (concello de Baltar) o núcleo económico e comercial. Rubiás era o núcleo máis grande.
Evidentemente, o feito de poder cultivar o que quixeran facilitou o contrabando. Existía unha ruta que comunicaba as tres poboacións e Tourém, do lado portugués, a cal se denominaba o “Camiño privilexiado”. Un percorrido de 6km que estaba libre de controis da garda fronteiriza. Non se podían incautar mercancías, nin deter a ninguén.
Para gardar os documentos importantes tiñan unha arca con tres chaves. Para poder abrila tiñan que estar presentes tanto o Xuíz como os “Homes de acordo”.
O Couto perdeu a súa soberanía e os seus privilexios o 5 de novembro de 1868. Co denominado “Tratado de Lisboa”, delimitábanse as fronteiras entre España e Portugal, quedando as tres aldeas do lado español. O último xuíz do Couto foi Delfín Modesto Brandán. Actualmente dedícaselle unha estatua no adro da igrexa de Santiago.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
Conta a lenda que foi unha raíña de Portugal, fuxida a estas terras, embarazada, que ante as dores do parto, foi acollida polos veciños do Couto. Ante esta mostra de empatía e bo facer, ao vencemento de Portugal na guerra, concedéuselles a independencia.
Información de interese
Non hai horarios de visitas. Pódese desfrutar dos pobos, as súas arquitecturas e natureza de maneira libre en calquera época do ano. Para acceder á igrexa de Santiago recoméndase atender ao horarios de oficios ou a festa de recreación que se celebra cada ano. Pódese solicitar máis información no teléfono 0034 988 466 503.
Como complemento pode visitarse o Centro de Interpretación do Couto Mixto na Porta de Calvos de Randín, situada na reitoral de Santiago de Rubiás. Pódese solicitar máis información no teléfono 0034 988 434 000 ou na URL:
http://portasxures.es/index.php/gl/portas/calvos-de-randin
Bibliografía
García Mañá, L. M. (2005) Couto Mixto, unha república esquecida. Ed. Xerais.
López Mira, A. X. (2008) O Couto Mixto: Autogoberno, fronteiras e soberanías distantes. U. Vigo, Madrygal.
Trillo Santamaría, J. M. (2014) Discussing the Couto Mixto (Galicia, Spain) Trascending the territorial trap through borderscapes and border poetics analyses. P. 56-78. Vol.20.