Ecovia do Lima
Ecovia do Lima

A Ecovia do Lima é un percorrido ideal para pasear a pé ou en bicicleta (tamén hai algún treito adaptado para cabalos) que une os municipios de Viana do Castelo, Ponte de Lima, Ponte da Barca e Arcos de Valdevez polas dúas beiras do río Lima. Ten 5 treitos diferentes: Açudes, entre Ponte de Lima e Ponte da Barca (14km); o de Laranja, entre Ermelo e a Albufeira de Touvedo (terreo plano, chegando ata a ponte romana); o das Lagoas, dende a ponte romana ata a paisaxe protexida das Lagoas de Bertiandos; a das Veigas, con 13 km entre Deão (Viana do Castelo) e Ponte de Lima (Avda. Dos Plátanos); e o de Refoios, 5km entre a ponte medieval de Ponte de Lima e Refoios do Lima, pola marxe norte do río. Estase traballando actualmente na etapa 6ª, a da Jolda de São Paio.
En total son ducias de quilómetros inseridos en LIC do Lima (Rede Natura 2000), que poden ser continuados por outra Ecovia, a do Vez, cara Arcos de Valdevez e Sistelo. A ecovía é un bo medio para dar a coñecer os valores paisaxísticos e naturais asociados ao Lima, así como as actividades do sector primario e os diversos elementos do patrimonio histórico e cultural (muíños, estanques e pontes).
Ponte da Barca, Ponte de Lima, Arcos de Valdevez e Viana do Castelo están as catro vilas unidas pola grande ruta xunto ao río. Moitos camiños abandonados foron deste xeito recuperados para un uso equilibrado que permita conciliar deporte, turismo, vida humana e medio natural.
Localización
Etapa 1. Ponte da Barca-Ponte de Lima, 15km. Saída dende a unión entre o Vez e o Lima
Coordenadas:
41.807338028688, -8.431681737677412
Ver en Google Maps
Lendas / Historias vencelladas

Información de interese
Ecovía moi ben sinalizada, transcorre pola beira do río Lima. En proceso de ampliación. Recoméndase atender ás indicacións dos paneis informativos e seguir as balizas indicativas para non perderse.