fbpx

Festa do Esquecemento

Festa do Esquecemento

Festa de recreación histórica que se celebra a penúltima fin de semana de agosto en Xinzo de Limia. A celebración rememora o episodio histórico do cruce do río Limia polos soldados romanos ás ordes de Décimo Xuño Bruto no século II a.C. no seu proceso de conquista da Gallaecia. Acontecemento igualmente figurado de forma permanente ás beiras do río na vila de Ponte de Lima, pois este río era identificado polos romanos co río Lethes, o “flumen oblivionis” (río do esquecemento) como deixaron recollido os historiadores romanos Salustio e Plinio.

A Festa xorde no ano 2000 por iniciativa da Asociación Cultural Civitas Limicorum, de Xinzo de Limia, para dar resposta a unha inquedanza común respecto das posibilidades que ten o patrimonio cultural e histórico limiao á hora de achegar novos recursos para o desenvolvemento económico e social da comarca.

Dende a súa primeira edición, o obxectivo principal da Festa do Esquecemento é o de presentar unha alternativa turística atractiva e dinámica, baseada na participación directa dos visitantes á hora de recrear un período histórico que atopa en Xinzo valiosas evidencias da súa influencia na cultura galega (e na común do Norte de Portugal, pois ambos lados da “Raia” pertencían á mesma división: a Gallaecia), a través de numerosas achegas arqueolóxicas da época romana na zona.

Durante as semanas previas a festa, os veciños e veciñas, socios e socias da asociación preparan as estruturas que formarán o chamado “campamento” situado na Alameda do Toural.

A festa comeza o venres pola noite coa representación do “Prendido do lume sagrado” e remata o Domingo coa representación do “cruce do río e a batalla entre galaicos e romanos”, na que saen vitoriosos estes últimos.

Durante eses días, as xentes de Xinzo recrean o feito, recuperando deste xeito a identidade dos seus antepasados. Revívense, así, os elementos fundamentais da cultura galaica e romana. Campamentos de ambos sitúanse á beira do río Limia. Cóntase ademais con mercados de artesanía, acéndese o lume sagrado, hai desfiles, espectáculos de circo romano, teatro, concertos… Todo como complemento do gran acto principal que é o cruzamento do río por parte dos romanos e a conquista destas terras por parte de Roma.

Localización

Alameda do Toural, 32630 Xinzo da Limia.

Coordenadas:

42°03'37.0"N 7°43'50.2"W HTML tutorial
Ver en Google Maps

Lendas / Historias vencelladas

Segundo deixa reflectido Tito Livio no seu Ab Urbe condita, Décimo Xuño Bruto foi o primeiro en cruzar o temido río Limia ante a negativa dos seus soldados. Estes tiñan medo a morrer ou perder a memoria, como se dicía que acontecía a todo aquel que o atravesase. O xeneral, para que as súas tropas viran que eran rumores infundados, cruzou o río e dende a outra ribeira foi chamando polo nome un por un aos soldados probando así que non perdera a memoria.

Información de interese

A festa retomouse parcialmente no 2021, tras o parón pola pandemia de Covid-19. Representacións e concertos tiveron lugar, en formato reducido, na Alameda do Toural, sempre atendendo ás obrigas e protocolos sanitarios. Para máis información recoméndase contactar directamente coa asociación (civitaslimicorum@hotmail.es) ou no teléfono 0034 680 364 874 / 0034 988 460 891.

Bibliografía

Martínez Cerredelo, Edelmiro: Río Xinzo, río do esquecemento ou río esquecido? Artigo na revista Lethes núm.6, 2001.

Martínez Cerredelo, Edelmiro: Historia de Xinzo de Limia. 2012

Descarga

Galería

Scroll ao inicio