Forum Limicorum
Forum Limicorum
Preto de Nocelo da Pena, no Concello de Sarreaus, encóntrase un poboado da Idade de Ferro coñecido como A Cidá. Este foi descrito por numerosos investigadores como o “Forum Limicorum”, a capital do pobo que ocupaba estas terras antes da chegada dos romanos.
Un ollo adestrado recoñecerá facilmente como a vexetación que hoxe cobre o xacemento agocha en verdade unha cidade milenaria. Moitos veciños chámanlle ao lugar tamén “A Cerca”, facendo clara referencia aos restos dunhas potentes murallas que puideron superar os 4 metros de altura.
Nesta terra habitarían (segundo fontes históricas e lendas arraigadas no tempo) os Limici, do que parece deriva a propia denominación do río. Pobo nobre e de estirpe galaica foron sometidos por Roma na súa conquista da Gallaecia. A súa capital estaría asentada no Monte do Viso, en Nocelo da Pena. Despois de ter sido conquistada, pasaría a converterse na “Civitas Limicorum”, eixo da actividade de toda a comarca durante época romana.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
En Sarreaus, hai que subir á Pena do Arangaño, para librarnos ou curarnos de todo mal.
Información de interese
¨Tradicionalmente, e dende que en 1898 o suxerira D. Marcelo Macías, viuse relacionando este xacemento coa Civitas e o Forum Limicorum, en base á aparición de catro pezas epigráficas descubertas no século XVIII, que estaban empotradas nas paredes da desaparecida ermida de San Pedro, situada aos pés deste castro, a escasos 200 m, pois en dúas delas se fai mención á civitas os límicos. Non obstante, e froito das investigacións en torno aos conceptos de civitas e forum e das escavacións e dos importantes achádegos que nos últimos anos se teñen realizado na vila de Xinzo, na actualidade estase a desbotar aquela relación, propoñendo este último núcleo como o lugar no que se ubicaría dito Forum Limicorum¨.
http://www.altalimia.org/ficha_inmoble.php?id=060149
A visita é libre. O lugar non se encontra musealizado polo que recoméndase solicitar información previamente no Concello de Sarreaus (Teléfono 0034 988 454 002).
Bibliografía
Garcia Valdeiras, M. (2001) O Forum limicorum. Minius: Revista do Departamento de
Historia, Arte e Xeografía. Nº9, p. 39-50.