fbpx

Igrexa de Santo Estevo

Igrexa de Santo Estevo

Iglesia de Santo Estevo

Foi construída polo mestre canteiro de orixe portuguesa Bartolomé de Nosendo, quen traballaría tamén noutras obras importantes da comarca: a Colexiata de Xunqueira de Ambía e o Mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras. A súa datación consta na documentación como “antes de 1520”, e o seu estilo é tardo-gótico.

Exteriormente, destaca a súa portada principal, de inspiración na arte portuguesa do período manuelino (variante lusa do gótico tardío, con influencias mudéxares e renacentistas). Espazo no que podemos observar unha decoración a base de motivos vexetais coa súa máxima expresión nos floróns que engalanan o arco exterior da porta. Como remate do mesmo, colócase unha imaxe de San Pedro na parte central. Tamén destaca nesta fronte a esvelta torre das campás, a cal recorda na súa decoración á arte románica. Pola súa banda, a porta do muro norte replica o estilo da principal, pero dun xeito máis sinxelo. A súa ornamentación tamén é a base de vexetais, aínda que máis erosionados.

No interior, observamos a elevada altura do templo. Chaman a atención as súas bóvedas: de canón na nave, estrelada na ábsida e de cruceiría no espazo entre ambas. A ornamentación empregada nos capiteis das columnas que enfeitan os muros tamén é a base de plantas e follas.

O máis salientable do interior é sen dúbida o seu retablo. Obra de Francisco de Moure (importante escultor galego da época), conserva a súa forma e disposición orixinal. De dous corpos, conta con predela e ático e tres rúas. As esculturas que o engalanan son de grande valor escultórico, con grande realismo e anunciando a forma de traballar do barroco. As imaxes de San Pedro e San Paulo sitúanse aos laterais do sagrario. No segundo corpo aparecen (de dereita a esquerda e de fronte) San Lourenzo, Santo Estevo e San Francisco. Coroando o conxunto, un calvario, de menor valor escultórico, feito por algún aprendiz do obradoiro de Moure.

Tras unha restauración no ano 2002, descubríronse as cores orixinais do mesmo, así como a lenda “año de 1607” que sería a data de finalización do retablo. As pinturas da predela dedícanse a catro santas: Bárbara, Apolonia, Catalina e Lucía (todas elas identificadas con palmas e os símbolos dos seus martirios) e catro doutores da igrexa: Ambrosio, Gregorio Magno, Xerónimo e Agustín. Ademais, píntanse dúas escenas relacionadas coa vida de Virxe: unha Anunciación (debaixo de San Pedro) e unha Visitación (debaixo de San Paulo).Toda esta figuración fai do retablo unha obra excepcional, merecedora de recoñecemento pola súa calidade e conservación.

Finalmente, conta o interior con outras pezas de interese como poden ser as imaxes de San Antonio de Padua (tamén obra de Francisco de Moure) e San Antonio Abade, a tamaño real. Tamén chama a atención como se lle concede novos usos ao antigo cancel de separación da nave da ábsida. Unha parte pecha a gran pía bautismal da nave norte e outra serve de pedestal ao atril de lecturas ou á imaxe da Concepción.

Localización

Rúa da Igrexa, 44, 32693 Sandiás, Ourense .

Coordenadas:

42.11408774638626, -7.754659231026921 HTML tutorial
Ver en Google Maps

Lendas / Historias vencelladas

Iglesia de Santo Estevo

Información de interese

Bo estado de conservación. Para a súa visita contactar co Concello de Sandiás no número de teléfono: 0034 988 465 001.

Bibliografía

De Juana López, Jesús: A Alta Limia. A terra que medrou vencellada a unha lagoa. Edic. Ir Indo, 1993.

Rodríguez González, Xulio: Discurso Hco e ordenación do territorio. Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2013.

Vila Jato, Dolores: Francisco de Moure, Xunta de Galicia, 1991.

Vila Jato, Dolores: El retablo de Vilar de Sandianes, obra de Francisco de Moure. Liceo Franciscano, 1978.

Descarga

Galería

Scroll ao inicio