Megalitismo no Val do Salas
Megalitismo no Val do Salas

Hai aproximadamente cinco mil anos os nosos antepasados encheron de megalitos a fronteira que hoxe divide Galicia de Portugal. Pero que son os megalitos? Se atendemos a súa orixe grega “mega” é grande e “lithos” pedra. Por tanto, grandes estruturas de pedra. A súa función? Actuar de sepulturas ou monumentos funerarios.
Estas tumbas normalmente estaban formadas por dous elementos diferenciados: un túmulo e unha cámara. O primeiro feito en terra ou pedras amoreadas e a segunda levantada con grandes lousas de pedra.
No concello de Muíños a súa representación é abondosa. Hai entorno ás 100 catalogadas. A maior concentración deles está no tramo medio do Val do Salas, tamén coñecido como o “Val da morte”.
Neste val poderemos desfrutar de varios exemplos como son:
Casiña da Moura: trasladada do seu emprazamento orixinal nos anos 70 debido á construción do encoro de Salas. Foi reconstruída na súa localización actual para evitar o seu deterioro aínda que non de maneira fiel ao orixinal. Está formada por oito grandes lousas (esteos ou ortostatos) de máis de 2m de altura. Tiña un corredor de curto acceso que hoxe non se conserva.
Casola do Foxo: é de planta poligonal. A súa porta de acceso non se corresponde coa que hoxe podemos ver. Conta con sete esteos e unha gran lousa de cobertura.
M1 e M5 de Outeiro de Cavaladre: a mámoa 1 foi escavada no ano 1991. O corredor só se diferenza da cámara en alzado. Nas escavacións realizadas neste emprazamento descubríronse restos de obxectos do enxoval funerario. Algúns exemplos: puntas de frecha, instrumentos de pedra tallada ou anacos cerámicos de recipientes, atópanse hoxe en día custodiados no Museo Arqueolóxico de Ourense.
A mámoa 5 é xa da fase final. Neste momento as cámaras fanse máis pequenas indicando o paso dos enterramentos colectivos das fases anteriores aos enterramentos individuais. Non conserva a lousa que cubría o conxunto pero si os seis ortóstatos. Aquí tamén se atoparan restos do enxoval funerario.
Localización
Lendas / Historias vencelladas

Información de interese
Existe unha ruta que permite coñecelos: “Ruta do río Salas” ou “Ruta Megalítica”, de 13km de distancia e moi sinxela de facer. O trazado é circular, podendo comezar en calquera punto da mesma. Porén, recoméndase iniciar no pobo de Maus de Salas. Punto no que poderán encontrar abundante información das rutas dispoñibles así como das alternativas de ocio na contorna.
Para complementar a visita ao lugar recoméndase visitar a Aula Arqueolóxica do Megalitismo do Val do Salas e da Serra do Leboreiro no Complexo Turístico-Deportivo “O Corgo”. Pode obterse máis información:
– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/
Bibliografía
Carballo Arceo, Xulio: Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Nigratrea, 2006.
Eguileta Franco, José María: Mámoas y paisaje, muerte y vida en Val de Salas (Ourense). El fenómeno megalítico en un valle de montaña. UVigo. 2003.
Eguileta Franco, José María: Dólmenes en Muíños. Unha viaxe polo Megalitismo galego. Concello de Muíños, 2004.