Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xures (Centro de Interpretación)
Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xures (Centro de Interpretación)

Dentro da rede de parques naturais de Galicia, un dos máis descoñecidos pero ao tempo mellor conservados é o Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés, limítrofe co Parque Nacional portugués da Peneda-Gerês e formando con el a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX). Do lado galego, este confórmase de 30.000 hectáreas dunha paisaxe protexida dende 1993, e que combina serras agrestes e suaves cunha altitude media por riba dos 1000 metros.
Ten a súa sede, que actúa como centro de interpretación, na localidade de Lobios, punto ideal para comezar a nosa visita. Aquí podemos ter acceso a moita información sobre os recursos do parque así como facernos con material para emprender algunha das múltiples rutas de sendeirismo coas que descubrir esta xoia da xeografía galega. O edificio conta con recepción informativa, paneis explicativos, sala de proxeccións, maquetas e zona de obradoiros.
Escollida algunha das múltiples rutas de sendeirismo acondicionadas para coñecer de preto a realidade deste espazo rural, vamos toparnos cos bolos graníticos, as fervenzas, e tamén os miliarios que marcaban na época romana os 300 km que separaban Braga de Astorga (Vía Nova) Tamén podemos contemplar aves moi destacadas (águia real ou perdiceira), mamíferos como a vaca cachena, o cabalo galaico-portugués, os corzos, cervos ou cabras montesas.
Localización
Centro de Interpretación do Parque Natural
Coordenadas:
41.90431969156594, -8.083040188525057
Ver en Google Maps
Lendas / Historias vencelladas

Información de interese
Xusto a 50 metros, na outra beirarrúa, podemos completar a nosa ruta visitando a “Porta de Lobios”, espazo na biblioteca municipal adicado á interpretación da flora, con abondosa información e paneis explicativos.
Para visitar o centro recoméndase o contacto telefónico previo para a confirmación de horarios e días de apertura (Teléfono: 0034 988 448 000)
Pode obterse máis información:
– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/