Penedos da Raíña Loba
Penedos da Raíña Loba
Son moitas as lendas asociadas a unha Raiña Lupa ou Loba no territorio galego. No pico máis alto ao sur da Serra de Gomariz, a uns 1150 metros sobre o nivel do mar, xa ao carón da fronteira portuguesa, emerxe un penedo que probablemente serviu de base para asentar un castelo con diferentes torres. Na visita ao lugar aínda son visibles numerosas pegadas da súa construción e, en especial, un xogo medieval traballado na propia rocha coñecido como alquerque. Este lugar foi asociado na sabedoría popular ao lugar no que moraría a famosa Raíña Loba da Limia.
A paisaxe, pois, a máis de 1200 metros, poboado de enormes rochedos en perfecto equilibrio, puidera contar cunha fortaleza medieval. O enclave forma parte dunha atractiva ruta de montaña entre o Concello de Os Blancos e o de Calvos de Randín, e seguindo o alto do Cebreiro chégase ás ruínas dun antigo foxo do lobo e á “Peneda das Fatigas”, nunha continuidade sorprendente de formacións graníticas.
Ao sur do Penedo da Reina Loba (coñecido polos veciños como o “Castelo Novo”), a uns 300 metros, atopámonos cos xacementos de “O Cemiterio” e do “Outeiro da Fraga”, posibles outras dúas torres, parte do mesmo entrampado defensivo.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
Segundo relata Florentino Cuevillas, que estudou a lenda a mediados do século XX, a tiránica Raíña Loba, habitando estas penedos, cobraba (como soberana que era) os tributos a veciños das aldeas lindeiras. Estes, indignados polo excesivo das taxas, aproveitaron un despiste da soberana para empurrala e que deste xeito se despeñase, morrendo do golpe. Así, os súbditos quedaron liberados das contribucións, e cantaban:
Matastes á Reina Loba
*Cuqueixos e Pixeirós
Matastes á Reina Loba
Fidalgos quedastes vós
*Cuqueixos e Pexeirós serían dous lugares pertencentes á parroquia de Sta. María de Guntín, no concello de Os Blancos.
Outras lendas de montaña falan por Galicia adiante (mesmo no Códice Calixtino, en relación co traslado dos restos do Apóstolo Santiago) da tal Reina ou Raíña Loba, aínda que será a da Limia a que sufra peor final.
Información de interese
Recoméndase realizar o Roteiro O Cebreiro-Raíña Loba co fin de descubrir cada un dos recunchos deste enigmático lugar. A ruta pode seguirse en bicicleta ou a pé. No Concello de Os Blancos poden solicitar información sobre a sinalización e trazado. Contacto telefónico no número 0034 988 467 567.
Para máis información pode consultarse tamén a páxina web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX):
https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
Bibliografía
CUEVILLAS, Florentino, «Un nuevo castillo de la Reina Loba», en Boletín de la Comisión de Monumentos de Ourense, Tomo XVIII, Ourense, 1956, págs. 193 y 194.
MOURE SALGADO, Xabier, Castelo da Raíña Loba, en Patrimonio Galego