Rutas de sendeirismo en Porqueira
Rutas de sendeirismo en Porqueira
Co fin de poñer en valor os recursos máis emblemáticos do municipio, o Concello de Porqueira deseñou unha ruta de sendeirismo para conectalos todos. Con inicio e fin dende a propia casa consistorial, a ruta conforma un total de 12 km de dificultade baixa/media.
O percorrido permítenos ir visitando diferentes recursos salientables, á vez de pasar por diferentes paisaxes e aproveitamentos do solo: dende a igrexa de Santa María de Porqueira, ou o miradoiro da Fervenza, ata a Torre da Forxa, para alcanzar despois a chaira de cultivos e o bosque. Finalmente, pásase á beira da pequena Lagoa de Míllaras e co río Limia nas veigas de Ponteliñares, espazo natural de interese dentro da Rede Natura.
De todos eles destaca sen dúbida a fervenza. A esta chégase moi fácil dende o camiño que pasa a carón da Torre da Forxa, e que pode facer parte dunha ruta circular máis pequena de só 4km.
A altitude máxima chega aos 764 metros sobre o nivel do mar. Punto no que teremos unha magnífica panorámica da chaira da Limia ao norte e dos sinuosos montes de Tourém e Pitões das Júnias.
Localización
Saída e chegada á Casa do Concello de Porqueira.
Coordenadas:
42.01888880495123, -7.847318651594299
Ver en Google Maps
Lendas / Historias vencelladas
Información de interese
Ruta sinxela pero para a que convén estar acostumado a camiñar. Recoméndase levar auga, calzado cómodo e algún material complementario para se orientar se fixera falta. Así mesmo, non deben faltar os prismáticos para poder visualizar algunha ave na veiga. Tamén cómpre valorar cal é a época do ano axeitada. Na primavera e comezos do outono é cando máis contrastes se poden apreciar, acompañados dunhas condicións climatolóxicas máis amables.
No Concello de Porqueira poden solicitar información sobre a sinalización e trazado. Contacto telefónico no número 0034 988 466 102
