fbpx

Torre da Forxa

Torre da Forxa

Torre da Forxa

Situada no lugar de A Torre, na aldea de A Forxa, actuou como casa consistorial do propio Concello de Porqueira no século XIX. Razón pola que o seu estado de conservación é óptimo. Sendo declarada Ben de Interese Cultural.

A Torre da Forxa forma parte, conxuntamente coas de Celme, A Pena e Sandiás, das fortalezas levantadas no medievo para protección do territorio limiao, dentro das continuas loitas establecidas entre Afonso Henriques de Portugal e Afonso VII de Castela.

Afonso VII doouna ao Bispado de Ourense no ano 1157. Establecéndose despois nela un mosteiro, inicialmente familiar, pasando a ocuparse por monxes xerónimos posteriormente. O seu primeiro prior, Jordán, mandou construír ao carón unha igrexa e un claustro hoxe desaparecidos. Este mesmo prior fíxose co título de abade de San Lourenzo, prior e señor de Güin e Castelaus e ademais, señor do partido xudicial de A Forxa e Casas da Moura.

No século XIV foi tomada e ocupada de forma fugaz polo Duque de Lancaster, Xoán de Gante, nunha das súas incursións para reclamar o trono de Castela. No seguinte século, o XV, a fortaleza pertencía ao conde de Benavente e sufriu o asedio dos Irmandiños.

O conxunto mantén aínda visible a súa impoñente torre da homenaxe, cunha altura de 23 metros e planta cuadrangular. A porta que lle dá acceso atópase no segundo piso. Accédese a ela a través dunha escaleira de pedra de construción moderna. O interior divídese en tres pisos máis un soto. Os pisos cubriríanse con teito de madeira e accedíase a eles a través dunha escaleira do mesmo material.

Localización

Torre, 24, 32643, Porqueira, Ourense

Coordenadas:

42.01346331473073, -7.849108873172898 HTML tutorial
Ver en Google Maps

Lendas / Historias vencelladas

Despois de deixar de ser sede do concello pasou a mans dun particular. Na veciñanza contan que estivo a piques de desaparecer posto que os perpiaños cos que está construída estiveron á venda.

Segundo deixa escrito Xesús Taboada Chivite “González de Ulloa conta que aquí estivo o rei de Galicia, Don García (I), e que perseguido polo seu irmán, se pasou aos mouros de Portugal”.

Torre da Forxa

Información de interese

O seu estado de conservación é óptimo. A visita exterior é libre. Para acceder ao interior débese solicitar permiso no Concello de Porqueira no teléfono 0034 988 466 102.

Bibliografía

Boga Moscoso, Ramón: Guía dos castelos medievais de Galicia. Itinerarios, arquitectura, historia, lendas e información práctica. Xerais, 2003.

Taboada Chivite, Xesús: Los castillos. Ed. Castrelos, 1963.

VV.AA, Val do Limia, un río, dos países. 2001.

Descarga

Galería

Scroll ao inicio