Triángulo relixioso: Virxe do Xurés-Santa Eufemia-S.Bieito de Grou
Triángulo relixioso: Virxe do Xurés-Santa Eufemia-S.Bieito de Grou
As tres ermidas forman un triángulo simbólico, relixioso e patrimonial no concello de Lobios. Están enclavadas en plena Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX).
Pódese dicir que a de maior relevancia é a ermida de Nosa Señora do Xurés. A súa historia parte dunha lenda relacionada coa aparición da Virxe nunha peneda do lugar. As vistas que dende a súa localización podemos observar son magníficas. Ofrecen una fermosa panorámica do Val do Río Caldo, o Limia e ata a subida á fronteira da Portela do Homem.
A capela consta dunha soa nave. Destaca a súa espadana con dúas campás e rematada cunha cruz. Nun dos seus laterais chaman a atención dous grandes bolos de pedra. No século XVIII construíuselle un camarín de planta rectangular, situado na traseira da igrexa. É de maiores dimensións que a propia ermida e máis decorado que a capela.
O conxunto confórmase coa posterior edificación dun altar na parte posterior para oficiar as eucaristías ao aire libre. Conta ademais con cruceiro, dúas fontes e unha fermosa carballeira onde se citan os romeiros cada 15 de Agosto, día de celebración da Virxe. As semellanzas que garda coa súa homónima portuguesa, Nosa Señora da Peneda, fan que se realcen e fortalezan as afinidades entre ámbalas marxes da fronteira.
En canto a capela de San Bieito de Grou, emprazámola na parroquia do mesmo nome, na aldea de Carreira. É unha das devocións máis importantes da Limia. A edificación reflicte o cariño que se lle ten ao santo. A fachada decórase con motivos barrocos como son as placas, volutas ou a fornela con forma de cuncha de vieira. Neste espazo habita unha escultura pétrea do patrón do templo. No interior, repetirase a imaxe pero desta volta, de madeira. A cuberta do interior é unha bóveda de canón.
A ermida de Santa Eufemia atópase na aldea de Manín. Aquí mesmo hai unha serra co mesmo nome, onde contan as crónicas e recordan os veciños, que foi onde apareceu o corpo da santa no século XI. Segundo conta a lenda, foi unha pastora que coidaba das súas ovellas no lugar, quen atopou, entre unhas penedas, unha man cun anel de ouro. Fíxose co anel pero no mesmo momento quedou muda. Tal como puido, fíxose entender co seu pai que a levou a devolver a xoia. Nese intre, unha voz indicoulles que alí estaba soterrado o corpo da santa. Deron conta do aviso e desenterraron o corpo que trasladaron a unha capela próxima nas lindes dos bispados de Ourense e Braga. Alí repousaron ata o século XII, no que sendo bispo de Ourense D. Pedro Seguín, se dispuxo o traslado dos restos á catedral ourensá. Do lado portugués non o verían con bos ollos polo que disputaron os restos. Chegaron ao acordo de que sería o azar quen decidira para onde ían: colocaron os restos nun carro tirado por bois e agardaron a que empezasen a camiñar. Os bois foron cara Ourense, quedando aquí os restos da santa. A día de hoxe repousan nun dos laterais do altar maior da Catedral de San Martiño da capital.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
A orixe da Capela da Nosa Señora do Xurés parte dunha aparición da propia Virxe sobre unha peneda do lugar. A Virse pediulle aos veciños que construíran alí unha ermida. Eles, enchidos pola petición, comezaron a súa construción sen dar aviso ao bispado de Ourense. Á metade do século XV chegadas estas noticias aos oídos do prelado, Pedro de Silva, mandou investigar o acontecido. Tralas pesquisas, deu o seu visto e prace para as obras pero estableceu que as esmolas que na ermida se recollesen, se dividirían en tres partes. Esas partes irían unha para as reliquias de Sta. Eufemia, aparecidas na localidade próxima de Manín. Outra para os gastos da propia ermida do Xurés e a terceira para o ermitaño que dela se fixera cargo.
Segundo deixa plasmado o escritor, falecido en xaneiro do 2021, José Lamela Bautista, hai unha lei local non escrita que di que hai que facer soar as campás da capela, como costume piadosa cada vez que se sube ao santuario. A explicación que relata é a de escorrentar co seu son a todas as forzas malignas escondidas nos recunchos da serra.
Información de interese
A visita é libre e o acceso diferente para cada unha delas. Para a visita fóra de horario de oficios e romaría recoméndase contactar no teléfono 0034 988 448 000.
Pode obterse máis información:
– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/
Bibliografía
De los Ríos Conde, A. (26-3-2021) Ermita de Nuestra Señora del Xurés, protectora de la Sierra. Consultado online e recuperado de: http://vialethes.es/ermita-nuestra-senora-xures
Folleto Turgalicia “Parques Naturales de Galicia. Baixa Limia – Serra do Xurés.
Lamela Bautista, José: A Virxe do Xurés. Asociación Amigos da Virxe do Xurés, 2016.