A Deputación de Ourense amosa a través dunha reconstrución virtual o campamento romano de Aquis Querquennis
A Deputación de Ourense adxudicou no seu momento á UTE Mystic Design, S.L. e Vsion Studio Interactive, S.L. o contrato, asinado o 6 de novembro de 2018, para a realización dun proxecto de virtualización do complexo arqueolóxico romano de Aquis Querquennis, en Porto Quintela (Bande). O importe do mesmo ascendeu a un total de 46.449,48€. O obxectivo é poñer en valor este recurso turístico, dentro das actividades a realizar pola Deputación de Ourense para a dinamización da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), a través do proxecto Gerês-Xurês Dinámico, proxecto cofinanciado ao 75 % polo Programa INTERREG V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
O proxecto, que inclúiu a elaboración de seis vídeos nos que se combinan actores reais cunha minuciosa recreación en tres dimensións do forte romano no momento do seu uso por un continxente militar romano e localizado ao carón da Vía Nova, a calzada romana que comunicaba Bracara (Braga) con Asturica (Astorga).
O obxectivo é difundir a través dun formato de vídeo adaptado a Internet o coñecemento do xacemento arqueolóxico, a vía e o entorno do Gerês-Xurés a un visitante internacional, así como fortalecer a comprensión do sitio arqueolóxico a través das tecnoloxías máis empregadas polos visitantes. Vídeos e soportes dixitais están xa disponibles a través da páxina web, aplicación e redes sociais (You Tube, etc.).
Os vídeos están distribuídos en Internet en galego, castelán, portugués e inglés, a través da súa publicación nun web e nas principais plataformas de vídeo, así como nunha aplicación para Android e iOS que os usuarios poderán descargar de balde. Esta aplicación permite, a través dunha visita autoguiada, poder coñecer o estado orixinal das estruturas romanas no momento de máxima actividade da fortificación, explorando espazos como as portas, as tullas, os barracóns, ou as instalacións do comandante. O sistema detectará a posición do usuario no interior do campamento e automaticamente lle amosará a súa recreación virtual.
A recreación 3D tamén afonda nas relacións entre a poboación local e o continxente militar romano, achegando unha visión novidosa na presentación habitual da información turística destes campamentos, que tradicionalmente os presentan como sitios arqueolóxicos aillados do seu contorno. Deste xeito, os vídeos amosarán o forte romano como un espazo de poder insertado nun territorio con estruturas sociais e políticas previas. Así mesmo, a clave dos vídeos é o relato humano e social, indo máis alá dunha recreación arquitectónica para axudar a coñecer ás xentes que viviron no forte ou nas poboacións próximas.
Ao mesmo tempo, o proxecto incluiu un plan de difusión que permitiu e permite aos interesados seguir o proceso de desenvolvemento e reconstrución virtual do campamento, contribuíndo a fomentar a cultura científica nos usuarios e creando unha comunidade ao redor do proxecto.
Web do proxecto Aquis3D: http://www.aquisquerquennis.es/gl/829-2/
Videos sobre Aquis3D en galego, castelán, Portugués e inglés en You Tube: https://www.youtube.com/channel/UCbP8_jaJ-ldOItcKTd784yw/videos?view=0&sort=dd&shelf_id=0