fbpx

A proba transfronteiriza “Xurés Bike Tour” reunirá os días 18, 19 e 20 de xuño a máis de 200 deportistas e afeccionados ao ciclismo

Este pasado 14 de xuño a Deputación de Ourense acolleu a presentación de “Xurés Bike Tour”, unha proba ciclista enmarcada no proxecto europeo Fronteira Esquecida Río Limia-Lima que se celebrará os días 18, 19 e 20 na Serra do Xurés. Participarán máis de 200 deportistas e afeccionados procedentes de doce provincias españolas e do norte de Portugal, que percorrerán máis de 120 quilómetros divididos en tres etapas.

A proba se desenvolverá polo espazo da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, e disputarase tanto nas modalidades individual como por parella e, como novidade, con bicicleta eléctrica para facilitar unha maior participación. A “Xurés Bike Tour” enmárcase nas actividades previstas dentro do proxecto transfronteirizo Fronteira Esquecida Río Limia-Lima, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

A carreira comezará na tarde do venres día 18 cunha etapa prólogo de 12 quilómetros que principiará e concluirá en Muíños. O sábado, día 19, celebrarase a etapa máis longa, 69 quilómetros con inicio e final no complexo turístico do Corgo, en Muíños, pasando por Pitões das Júnias no municipio portugués de Montealegre. A proba concluirá o domingo, día 20, cunha etapa de 42 kilómetros que sairá e rematará na área termal de Río Caldo, en Lobios.

O evento deportivo ten como padriño ao exciclista profesional Óscar Pereiro, que recibirá unha homenaxe ao coincidir esta proba co 15º aniversario da súa vitoria no Tour de Francia, e aceptou o dorsal número 1. “Todo un plus de calidade contar con Pereiro para unha carreira que nos permite seguir falando de recuperación e de volta ao espectáculo deportivo en contacto coa natureza”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar.

Ademais de agradecer o apoio da Deputación e confiar en que esta proba teña continuidade no tempo, o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, destacou que desde hai días xa están completos os aloxamentos nos concellos de Muíños e Lobios e nos municipios limítrofes. A alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, apuntou que con esta proba “seguimos a completar o noso proxecto para converternos nun destino turístico-deportivo enfocado cara o ciclismo, e no que estamos a ver un continuo aumento de participantes e un elevado grao de satisfacción”. O presidente da Cámara Municipal de Montealegre, Orlando Alves, felicitou pola súa banda á organización dunha carreira “que contribúe a promocionar a través do deporte esta zona transfronteiriza”.

Podes acceder aquí á noticia completa da Deputación, e volver a ver o vídeo da presentación nesta ligazón.

Scroll ao inicio