O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitaron hoxe o edificio no que levarán a cabo as actuacións de acondicionamento para poñer en valor a contorna da igrexa de San Trocado e fomentar o turismo cultural. Alfonso Rueda destacou a aposta do concello por un modelo turístico sostible e de calidade que coincide cos valores do turismo galego. Román Rodríguez destacou que a Xunta inviste un 19% máis para a mellora do patrimonio e poñer valor bens como este templo, un dos máis de 700 BICs.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitaron hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe a casa reitoral de Santa Comba de Bande, onde o Goberno galego vai levar a cabo unha rehabilitación integral que supón un investimento de 424.000 euros.
As actuacións neste edificio anexo á igrexa de San Trocado ou Santa Comba contribuirán á eliminación de barreiras para os visitantes e á mellora da calidade da contorna lindeira co templo visigótico. Deste xeito, a Xunta pretende poñer en valor este tesouro arquitectónico co obxectivo de atraer visitantes a través do fomento do turismo cultural e sostible.
O vicepresidente primeiro da Xunta destacou a importancia de recuperar este edificio, que encaixa co modelo turístico de Galicia, baseado na sustentabilidade e a calidade. Así, incidiu no potencial turístico do concello e na súa aposta por este modelo de turismo que axuda á dinamización da economía e a fixar poboación no rural.
De feito, a igrexa de San Trocado ou Santa Comba de Bande é probablemente o edificio visigótico máis completo da comunidade e un dos mellores exemplos de arquitectura hispanovisigoda da Península Ibérica. Ademais, o municipio conta tamén o Centro de Interpretación do conxunto arqueolóxico Aquis Querquennis, un dos principais atractivos turísticos da zona. Tamén pertence ao parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés e conta co roteiro cultural do Camiño de San Rosendo.
Por iso, Alfonso Rueda sinalou a importancia de levar a cabo actuacións como esta rehabilitación para “ofrecer a mellor cara e imaxe de Galicia” a turistas e peregrinos que visiten a comunidade cando a situación sanitaria permítao, do mesmo xeito que se está facendo albérguesnos e nos distintos roteiros xacobeos. Ademais, a Xunta aposta por fomentar Galicia como destino seguro para recuperar a confianza dos viaxeiros a través de medidas como o seguro coronavirus. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou o incremento do 19% que este ano realiza a Xunta na mellora do patrimonio cultural, entendéndoo como dos piares fundamentais da identidade de Galicia e motor económica. Destacou tamén a importancia dos traballos na Reitoral de Santa Comba de Bande, que poñerán en valor a riqueza patrimonial da igrexa de San Trocado, un dos 748 Bens de Interese Cultural (BICs) cos que conta Galicia.