fbpx

Posta en marcha da carreira Xurés Bike Tour Fronteira Esquecida Limia/Lima (Programa INTERREG V A España Portugal 2014-2020)

Acaban de iniciarse as inscricións para a proba transfronteiriza de MTB Xurés Bike Tour Fronteira Esquecida Limia/Lima, que terá lugar os próximos días 18, 19 e 20 de Xuño e ubicarase na Reserva da Biosfera Transfronteriza Gerês-Xurés (RBTGX).

A Deputación de Ourense, como Beneficiaria Principal do Proxecto Fronteira Esquecida, organiza esta carreira dentro das actividades a desenvolver en dito proxecto, cofinanciado ó 75% polo Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020).

O obxectivo xeral do proxecto FRONTEIRA ESQUECIDA é potenciar os recursos naturais e culturais do Río Limia-Lima, e a súa contorna. Así mesmo, busca fomentar o turismo de fronteira, promover a practica do deporte transfronteirizo e animar ao coñecemento da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX) e o río Limia/Lima.

A proba transcorrerá polos concellos ourensáns da Baixa Limia de Muíños e Lobios, e o territorio portugués colindante, terá un formato de tres días de duración, e poderá realizarse de maneira individual ou por parellas.

Esta primeira edición contará cun padriño estrela, Pablo Rodríguez, ciclista ourensán de BH TEMPLO CAFÉS, e estará dotada de todas as medidas anti COVID-19 para cumplir o protocolo sanitario. Estará limitada a 300 participantes.

A competición comezará cun prólogo moi técnico de 10 kilómetros. A primeira etapa terá máis de 60 kilómetros e case 1800 metros de desnivel positivo. O seu percorrido entrará en Portugal, na Cámara Municipal de Montalegre, ao pasar por Tourem e Pitoês das Junias, resaltando así o carácter transfronteirizo do evento. Ambos tramos terán saída e chegada no Complexo Turístico-Deportivo “O Corgo”, en Muíños.

A segunda etapa desenvolverase no concello de Lobios, con saída e chegada no Hotel Balneario de Caldaria en Riocaldo. Terá ao redor de 40 kilómetros, e cos seus 1200 metros de desnivel positivo, axudarán a endurecer e facer épica a finalización deste desafío, en plena natureza da Reserva de Biosfera Transfronteiriza Gêres-Xurés (RBTGX), no oeste da provincia de Ourense.

Scroll ao inicio