fbpx

A Casa da Lagoa da Antela e a ruta das Areeiras de Sandiás

A Casa da Lagoa da Antela e a ruta das Areeiras de Sandiás

La Casa da Lagoa da Antela y la ruta de las Areeiras de Sandiás

No centro da vila de Sandiás atopamos o Centro de Interpretación da hoxe extinta Lagoa da Antela. Un lugar excelente para coñecer de forma didáctica a historia, as especies animais e vexetais e as características da que foi unha das maiores lagoas naturais de Europa, cunha superficie de ata 3600 hectáreas (a súa extensión en inverno podía chegar aos 7000 metros de longo e 6000 metros de ancho).

Tras varias tentativas previas, a lagoa foi desecada nas décadas dos anos 50 e 60 do século XX co obxectivo de dedicar os terreos á produción de cultivo en extensivo (patacas e cereais, sobre todo). Este centro de interpretación pretende recuperar boa parte da lagoa orixinal, resaltando o seu legado e asumindo a necesidade de conservar e protexer tan delicado ecosistema.

Dende a propia Casa parten diferentes rutas que nos permitirán viaxar ao pasado e comprobar como era aquela grande Lagoa da Antela. O percorrido é apto para facer a pé ou en bicicleta. Neste o visitante poderá comprobar como antigos espazos de extracción de area son hoxe recuperados como lagoas artificiais nas que poder imaxinar a inmensa balsa de auga que enchía todo o territorio tan só unhas décadas atrás.

Toda a zona, incluídas as Areeiras de Sandiás, presentan un especial interese a nivel ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves), habendo cada vez máis iniciativas para desfrutar da ornitoloxía e/ou do visionado de diferentes especies de aves (cegoñas, garzas, píllaras, millafres, andoriñas, etc.), sendo a mellor época do ano para esta práctica a chegada das migracións en primavera.

Ambos espazos, tanto o centro interpretativo como o meramente físico das areeiras, fálannos dun entorno único dentro da controversia histórica do desecamento e do “reaproveitamento” para uso agrogandeiro de boa parte do territorio. Xestión de recursos hídricos que afectará ata a actualidade a ambos lados da fronteira.

Localización

Casa da Lagoa: Praza do Campo, 2. 32693, Sandiás, Ourense.

 

Coordenadas:

42.110057, -7.756978 HTML tutorial
Ver en Google Maps

Areeiras de Sandiás: diversos puntos de partida. Zona de recuperación da lagoa. Sandiás, Ourense.

Coordenadas:

42.076340, -7.761358 HTML tutorial
Ver en Google Maps

Lendas / Historias vencelladas

Existe unha lenda entre a veciñanza da comarca que fai referencia a unha cidade asolagada baixo a Lagoa da Antela. Esta recibe o nome de Antioquía, a urbe máis rica de Galicia no momento.

Segundo a narrativa popular, e dentro da significativa relación co elemento purificador da auga, unha vella ofreceu a única esmola e pousada a un vello que de noite visitaba a cidade. Este ata o momento só topara co rexeitamento do resto dos veciños. Na mañá seguinte, o día de San Xoán, o galo cantou e toda a cidade menos a casa da vella quedaría baixo a auga. Aquel pobre que andaba a pedires esmola resultou ser o propio Cristo, quen castigaría a Antioquía pola súa soberbia e falta de caridade.

La Casa da Lagoa da Antela y la ruta de las Areeiras de Sandiás

Información de interese

Para a visita ao centro contactar co Concello de Sandiás no número de teléfono: 0034 988 465 001.

A visita polas areeiras é libre, encontrándose sinalizada para a práctica do sendeirismo e cicloturismo. Cómpre ter coidado na conexión con tramos de vehículos motorizados e respectar a rexeneración ambiental de fauna e flora.

 

Bibliografía

CONDE VALVÍS,F. La laguna Antela y sus vicisitudes histórico arqueológicas. Boletín Auriense 5,1975

MARTÍNEZ CARNEIRO, X.L. Antela, a memoria asolagada, Vigo, Ed. Xerais, 1997

SOTO, M. F., GARCÍA, A. F., CUESTA, G. F., & PRIETO, J. R. F. La desecación de la laguna de Antela. Boletín de la Asociación de Geógrafos Españoles, 2011, no 57, p. 295-312

ZAPATA TEJEDOR, Francisco. Desecación y saneamiento de la laguna de Antela, Revista de obras públicas, nº 3026, págs. 465-472

Descarga

Galería

Scroll ao inicio