Aldea de Sáa
Aldea de Sáa
A aldea de Sáa enmárcase nun medio físico definido pola convivencia de dúas realidades xeográficas diferenciadas: a chaira e a montaña. Unidades características da comarca da Alta Limia onde conviven as paisaxes de media montaña propias dos usos do monte e as da chaira da hoxe extinta Lagoa da Antela. Situándose a aldea estratexicamente a medio camiño de ambas.
A altitude media de Saa aproxímase aos 625 metros sobre o nivel do mar. Lixeiramente elevada así sobre a cota media da meseta limiá para evitar as incómodas néboas invernais e procurando unha orientación ao mediodía que lle permita obter máis horas de solaina.
O núcleo rodéase por unha combinación de variedades robur (cerquiños e carballos) pero tamén freixos, chopos ou ameneiros derivados da proximidade de varios regatos que fomentan a existencia de especies higrófitas.
Sáa responde á tipoloxía de aldea nuclear tradicional galega e portuguesa con amplos espazos entre edificacións. Foi capital do municipio de Vilar de Santos ata o ano 1969, momento no que quedaría abandonada por completo. O que non permitiría conservar ningunha estrutura completa antes da súa reforma na primeira década deste século XXI. Conservándose unicamente os muros do perímetro das vivendas, alpendres, etc. Porén, afortunadamente, estas trazas si permitían definir as vías de paso, o espazo público, as eiras… que foron respectadas na súa restauración.
A aldea asenta á beira dun importante xacemento arqueolóxico no que foi localizado unha “arracada” (magnífico pendente de tradición céltica que hoxe é o símbolo do escudo no concello xunto coa cruz de Santiago). Unha xoia hoxe conservada no Museo Arqueolóxico de Ourense pero que conta cunha réplica exacta no propio Museo da Limia.
Despois dun importante esforzo de restauración o núcleo pretende converterse no primeiro parque didáctico de temática arqueolóxica e ambiental de Galicia. Sendo a porta de entrada da Limia á Reserva da Biosfera “Área de Allariz” coa que linda polo norte.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
Xusto ao lado da aldea hai unha “Peneda da Moura”, como en tantos outros lugares de Galicia e do norte de Portugal, aínda que a máis famosa da contorna lévanos ao Monte das Cantariñas, en Laioso. Alí, hai unha lenda moi bonita que fala de Mariquiña, rapaza que, indo ao monte, descubriu á Moura, a cal se estaba a peitear os cabalos cun peite de ouro. Prendada coa imaxe, a moura díxolle se a axudaba a peitear, e ela accedeu. Ao acabar, a moura dáballe unhas moedas, a cambio de que non dixera nada daquilo. Porén, acabou por dicirllo á súa nai, e nunha das últimas “escapadas” ao monte, xa non voltou. A nai foi na busca dela, pero só encontrou unha voz que dicía: “a mariquiña por lengoreteira, está na miña barriga con pan e manteiga”.
Información de interese
O acceso a aldea pode facerse a pé ou en vehículo. Recoméndase facelo seguindo unha fermosa senda peonil que sae da igrexa de San Xoán cara o norte.