Castelo e “espigueiros” do Lindoso
Castelo e “espigueiros” do Lindoso
Localizado na freguesía de Lindoso esta fortaleza ten un emprazamento estratéxico, cunha súa posición dominante compartindo vistas a Galicia e a Portugal. O que incide na súa funcionalidade de vixía, defensa e marco de fronteira entre ambos os dous países.
Foi construído durante o mandato de Afonso III (S. XIII), época na que a recente independencia portuguesa se estaba a asentar. Cóntase que o rei D. Dinis, no seu primeiro día na zona, bautizou o lugar polo lindo e alegre que era, aínda que pode ser que o nome veña do latín “limitosum”, límite. Xa no século XVII, volveu cobrar grande importancia, na guerra da Restauración entre Portugal e Castela. Sendo plenamente portugués dende 1663.
Tamén é considerado como un dos máis importantes monumentos militares portugueses polas novidades técnicas arquitectónicas empregadas na época da súa construción. Presenta características románicas e góticas, razón que lle valeu a xustificación para ser declarado “ Monumento Nacional” no ano 1910 e reconstruído nos anos 40. Conserva boa parte da muralla visible sendo visitable tamén o interior onde podemos observar unha capela, un forno, unha torre da homenaxe de 15 metros e un museo con exposicións permanentes sobre a evolución e a ocupación humana do territorio.
No exterior, aparte das fermosas vistas sobre o encoro homónimo, o val do Limia e as Serras do Xurés e da Peneda ao fondo, pódese apreciar na propia aldea do un fantástico conxunto de 64 hórreos de pedra (unha das maiores concentracións do estilo no mundo), denominados nesta zona como “espigueiros”. Algúns teñen ata 200 anos de antigüidade, e foron parte indisociable da cultura popular, así como da alimentación de subsistencia tan recoñecible a ambos lados da fronteira.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
A fundación do castelo, como a doutros tantos arraianos, ven ligado ás loitas na fronteira, a reis, condes, nobres, amoríos e desleixos.
Información de interese
Xusto a un lado dos hórreos está un dos centros de visitantes do Parque Nacional da Peneda-Gerês e da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), a “Porta de Lindoso”. Nas instalacións, pertencentes á Câmara Municipal de Ponte da Barca, pódense obter informacións prácticas a nivel turístico. Tamén hai maquetas para desfrutar coa temática da auga e xeoloxía, e mesmo un espazo para conferencias e proxeccións.
Para a visita recoméndase o contacto telefónico previo para confirmar horarios e xornadas de apertura. (00351 258 578 141)
Bibliografía
Fontes, L. (2013) Lindoso, uma paisagem con história. Município Ponte da Barca, U. Do Minho.
Malheiro da Silva, A. B. (1994) O contributo histórico-militar do Lindoso para a restauração. Um ataque galego ao castelo do Lindoso, 1657. En III Colóquio Galaico-Minhoto, Viana do Castelo.
Solé, Glória. (2019) . A «história ao vivo»: recriação histórica de uma feira medieval no castelo de Lindoso em Portugal. Her&Mus. Heritage and Museography, 2019, núm. 20, p. 102-112. http://hdl.handle.net/10459.1/69268.
Visit Portugal. Páxina oficial de turismo de Portugal. Dispoñible en: https://www.visitportugal.com/es/content/covid-19-medidas-implementadas-en-portugal
Páxina web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl