Conxunto etnográfico da Cela / Puxedo
Conxunto etnográfico da Cela / Puxedo

As poboacións da Cela e Puxedo, no concello de Lobios, únense pola estrada comarcal OU-1206. Distan tan só 3´5km unha da outra e son relevantes polas súas características etnográficas.
A Cela, segundo algunhas fontes, sería a antecedente da fundación do Mosteiro de Celanova. Se facemos alusión ao seu topónimo, unha cela era o dormitorio dos monxes. Na aldea existe unha igrexa barroca de pequenas dimensións que substituíu á anterior románica, da que se conservan algúns restos. Ao seu carón podemos observar unha aira de mallar, totalmente de granito e rodeada de palleiros.
Destacados na aldea son os bolos graníticos mesturados coas diferentes construcións levantadas polos veciños: casas, adegas, alpendres… Así mesmo, un dos elementos máis senlleiros é o forno do concello, totalmente rehabilitado. Tamén, un conxunto de tres canastros ou cabaceiros.
Dende o lugar chamado O Coto, unha laxe grande situada a 691 metros de altura, no centro da aldea, podemos admirar o conxunto do núcleo e tamén os outeiros da Fraga Raxada. Aquí, a arqueoloxía sitúa os restos dun antigo castelo roqueiro medieval. Unha pista (con andaina popular anual) leva a Pitões das Júnias, a poucos kms. polo monte, do lado portugués.
A outra aldea, Puxedo, é tamén un núcleo tradicional de alto interese etnográfico. O medio de vida natural do lugar estivo, de sempre, vinculado ao aproveitamento da castaña, o viño e os cereais. Boa conta son a cantidade de cabaceiros e airas graníticas que adornan a localidade. O esforzo que se ten feito pola recuperación do seu patrimonio é de sona en toda Galicia. Rehabilitáronse as construcións vinculadas ao ciclo do pan e abriuse unha Aula Etnográfica. Tamén se celebra unha malla tradicional todos os 14 de Agosto.
Elementos singulares son os graffitis que adornan na actualidade diferentes fachadas do pobo. Realizados polo artista ourensán Mon Devane, están dedicados ao ciclo do pan tamén. Así, podemos ver a seitura, a malla, a moenda e a fornada. Recentemente inaugurouse o Museo do Pan nunha vella palleira.
Na praza de San Antonio (conxunto formado pola capela dedicada ao santo, un peto de ánimas, un palco e catro cruceiros) érguese un carballo centenario e un mural dedicado ao gaiteiro Perfecto Rodríguez.
A totalidade do pobo conta con vinte canastros construídos en pedra e madeira entre os séculos XIX e XX. Están repartidos en catro airas/eiras construídas con grandes laxas de granito e rodeadas por un beiril que delimitaba o seu perímetro, ao tempo que evitaba a perda do cereal.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
Contan os veciños que na Fraga da Raxada habitaban os mouros.
Ambos lugares foron citados polo laureado escritor Camilo José Cela, na súa novela “Mazurca para dos muertos” (1983).
O forno de Puxedo, que era de uso comunal, foi vendido para comprar a pólvora necesaria para construír a estrada que une Puxedo coa Vila.
Un dos penedos que gardan a aldea de A Cela, di a lenda que foi lugar de nacemento do propio San Rosendo, logo clave para o desenvolvemento da vila de “Celanova”. O seu nacemento parece que puido ter lugar segundo outras fontes en Ourense, en Oporto ou en Asturias. A 800 metros da aldea está a enorme “Pedra de San Rosendo”.

Información de interese
Bo estado de conservación. A visita é libre podendo chegar sen problema a calquera dos dous núcleos en vehículo.
Para a visita dos centros expositivos recoméndase contactar no teléfono 0034 988 448 000.
Pode obterse máis información:
– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/
Bibliografía
S.f (10-5-21, La Región) Abre el Museo del Pan en el pueblo de Puxedo. Consultado online e recuperado de: https://www.laregion.es/articulo/baixa-limia/abre-museo-pan-pueblo-puxedo/202105100010011028368.html
De los Ríos Conde, A. (26-12-2017) A Cela, Lobios. Poblado singular y posible lugar de nacimiento de San Rosendo. Consultado online e recuperado de: http://vialethes.es/cela-lobios-san-rosendo