Igrexa de Santa Comba de Bande
Igrexa de Santa Comba de Bande

Igrexa prerrománica do século VII situada no lugar de Santa Comba, no concello de Bande. Atópase nun estado de conservación magnífico. É referente da arte prerrománica tanto na provincia de Ourense como no resto da Península. A súa fábrica orixinal consérvase dende os alicerces ata as bóvedas e da ábsida aos pés da nave. Estes valores avalaron a súa declaración como Monumento Nacional no ano 1921, sendo o primeiro inmoble de Ourense en conseguir tal distinción.
Trátase dun templo de tipo monacal, con planta de cruz grega, inscrita nun rectángulo. No lugar habitaba unha pequena comunidade de monxes. A súa función era auxiliar, tanto física como espiritualmente, aos camiñantes que por alí pasaran. A diferencia da igrexa eses outros espazos de habitación de monxes e peregrinos non perduraron ata os nosos días.
No interior do templo apreciamos a grande sinxeleza de formas e composicións. As naves cóbrense con bóvedas de medio canón, empregándose arcos de ferradura como soportes. O ciborio presenta unha bóveda de aresta realizada coa técnica romana de espiña de peixe. Nel ábrense varias ventás empregándose decoración a base de sogueado. O acceso ao presbiterio faise a través de un arco triunfal en forma de ferradura que apoia en catro columnas, dúas a cada lado con capiteis decorados.
Por riba da bóveda da ábsida había unha pequena cámara á que se accedía por unha ventá interior aberta no muro da nave. Esta ventá actualmente da ao exterior. Podemos observar nesta parte do templo a imaxe escultórica de San Torcuato e un conxunto de pinturas murais, posteriores á construción da igrexa. Descubríronse ao desencalar as súas paredes na primeira intervención restauradora do século XX. Datarían da primeira metade do s.XVI. Por riba dela aparece un busto dunha personaxe aínda descoñecida, para uns sería o patrón da igrexa, San Torcuato, e para outros San Martiño. Na bóveda píntase a Santísima Trinidade. Sobre un fondo estrelado aparecen Deus Creador suxeitando a Cristo crucificado e, entre ambos, o Espírito Santo. Rodeándoos, os catro Evanxelistas nas súas formas do Tetramorfos (San Xoan como aguia, San Mateo home, San Marcos león e San Lucas touro). Na parte interna do arco toural aparecen representados o sol e a lúa rodeados de motivos vexetais e estrelas.
No seu interior foron recuperados abundantes restos de interese arqueolóxico e histórico. Destaca un sarcófago de mármore identificado na capela dereita, historicamente asociada a San Torcuato. De igual modo apareceu un miliario romano reaproveitado como pe dunha pía bautismal e dúas aras, unha dedicada a Marte e outra a Xúpiter. A de Marte atópase hoxe no Museo Arqueolóxico de Ourense.
No exterior pódense recoñecer os restos da capela anexa empregada para bautismos, aínda conservando a pía. E na entrada, no muro sur, unha inscrición recorda a capela de Gaspar Rodríguez (“Esta capilla fvndo y doto Gaspar / Rodrigvez de aravio abbad de sancta comba anno”) xunto cun relevo do seu escudo.
Localización
Lugar Sta. Comba, 45, 32846 Santa Comba, Bande, Ourense.
Coordenadas:
41.97334975402756, -8.000052127178623
Ver en Google Maps
Lendas / Historias vencelladas
A tradición popular fala de Santa Comba como a patroa das meigas. Antes de ser santa era unha muller moi cruel, asasina e meiga. Cóntase que un día topou con Xesús, quen lle preguntaría cara onde ía e ela respondeu que ao seu oficio. Entón o Señor díxolle “enmeigar enmeigarás pero no meu reino non entrarás”. Ao oír iso, Comba tivo medo, fixo penitencia, converteuse e chegou a santa.
Outra denominación da igrexa é San Torcuato de Santa Comba de Bande. Esta advocación fai referencia ao traslado dos restos do santo dende Guadix, en Granada, ata Santa Comba tras a invasión musulmana da península. Dise de San Torcuato que foi un dos primeiros discípulos do apóstolo Santiago. No século XVII, os seus restos trasladáronse de novo, desta volta a Celanova, onde aínda repousan parte deles.

Información de interese
O acceso exterior ao templo é libre. Para concertar visitas no interior recoméndase contactar co Concello de Bande no teléfono 0034 988 443 001.
Pode obterse máis información:
– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/
Bibliografía
Benavides García, Rosa e Becerro Manso, Marta: Restauración das pinturas murais de Santa Comba de Bande (Ourense). Revista Lethes nº6. 2001
Caballero, Luis, Arce, Fernando, Utrero Agudo, Ángeles: Santa Comba de Bande (Orense). Arquitectura y documentación escrita. Artículo dentro de Arqueología de la Arquitectura 2. 2003.
Núñez Rodríguez, Manuel: Arquitectura prerrománica. COAG, 1978
Rodríguez Cao, Celso: Santa Comba de Bande. Artigo dentro da revista nº2 Lethes, cadernos culturais do Limia. 2000.
Vázquez Varela, J.M e outros: Historia del arte gallego. Alhambra, 1982.