fbpx

Igrexa de Santa María a Real

Igrexa de Santa María a Real

Iglesia Santa María Real de Entrimo

Esta igrexa está declarada Ben de Interese Cultural e representa a máxima expresión da arte barroca en Galicia. Atópase na capital do concello de Entrimo. En orixe, a parroquia estaba dedicada a San Salvador. Sería posteriormente cando pasou a denominarse Santa María. Foi posesión real segundo aparece nun litixio rexistrado entre o primeiro Conde de Ribadavia, Bernardino Sarmiento, e os veciños de Entrimo en 1502.

Pascual Madoz, político liberal español, deixou escrito a finais do século XIX no seu dicionario xeográfico que a igrexa de Sta. María de Entrimo “é das mellores da provincia pola súa solidez, capacidade e beleza”.

Construíuse no século XVIII, aínda que a obra final responde a varias etapas construtivas. Hai noticias, nos libros parroquiais, que en 1708 deron comezo as obras. Seguirían sen interrupcións ata 1711. Despois dilataranse no tempo ata finalizar. O campanario ten unha inscrición que o data de 1727.

O edificio é de grandes dimensións. Presenta planta de cruz latina e tres naves. A súa magnitude fixo que tivesen que ampliar o solar onde se asenta. Un desnivel separa o templo da reitoral que se salva por medio dunha fermosa escaleira.  Fronte a esta, un calvario que pecha o Via Crucis que circunvala o recinto.

A fachada principal da igrexa chama a atención polo seu grande traballo. Semella un retablo de pedra. O seu desenvolvemento escultórico é espléndido. Rodeando á porta que dá acceso ao interior, tres pares de columnas, estriadas e salomónicas. A decoración deste espazo realízase mediante elementos vexetais. No corpo superior destaca o nicho central coa imaxe de María en actitude orante, sobre un trono de anxos e coroada por dous querubíns. Por riba dela, no terceiro piso, outro grupo escultórico formado polas imaxes da Santísima Trinidade. Portan unha coroa, alusiva á coroación da Virxe.

No ático, a modo de frontón, destaca o escudo de Castela e León rodeado de grandes e floróns e baixo un frontón partido coroado con pequenas estatuas de anxos tocando instrumentos de corda.

Este conxunto principal da fachada recolle vinte dúas columnas, ningunha outra igrexa conta con tantas. As portas laterais tamén se decoran a modo de retablos, pero dun xeito máis sinxelo. Destacan San Xosé e o neno Xesús, con seis columnas acompañando.

A portada esquerda recorda a outros monumentos do barroco e non se liga ás dúas anteriores. A decoración é semellante á vista en calquera monumento do seu tempo na cidade de Santiago de Compostela, e pode ter algunha similitude coa Igrexa do Carmo en Oporto (Portugal). Así, empréganse piares e non columnas; frontón con volutas e o nicho que acolle á figura de Cristo Rei.

Neste mesmo lado atopamos o campanario do templo. O seu interior articúlase en tres naves separadas por pilastras. As cubertas son de bóveda de cruceiría. Destacan os altares e as imaxes que acollen coas súas cores orixinais, recuperadas hai poucos anos.

Localización

Estrada a Queguas, 60, 32860 Entrimo, Ourense

Coordenadas:

41.934283867213864, -8.120502866534101 HTML tutorial
Ver en Google Maps

Lendas / Historias vencelladas

O etnógrafo e estudoso do folclore galego, Xaquín Lorenzo, recolleu unha cantiga sobre o templo:

Santa María de Entrimo

  tan alta se foi a pór

  para tocalas campanas

  o domingo do Señor

Iglesia Santa María Real de Entrimo

Información de interese

Acceso libre ao exterior, ao que se chega facilmente en vehículo. Débese atender os horarios de oficios para a visita do interior.

Pode obterse máis información:

– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl

– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/

Bibliografía

Fernández Gasalla, L. (2006) Estudio histórico artístico de la iglesia de Sta María Real de Entrimo. Porta da aira: revista de historia del arte orensano

Descarga

Galería

Scroll ao inicio