Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras
Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras
Cun nome claramente coincidente co mítico escenario bracarense do Santuário do Bom Jesús, as súas orixes están ligadas con aparicións marianas na contorna. Foi fundado en 1523 por Alonso de Piña, prior da próxima Santa María a Real de Xunqueira de Ambía. O mestre encargado da súa construción foi Bartolomé de Nosendo, mestre de cantería de orixe portuguesa, que xa traballara en Santo Estevo de Sandiás e na mesma colexiata de Ambía.
Ocupado dende un inicio e por sempre pola orde franciscana (1523-1835), a idea inicial pasaba por construír unicamente a igrexa. Finalmente o prior levantou un mosteiro completo.
Do conxunto monumental, a igrexa é o edificio mellor conservado. Sendo a súa portada o máis destacable exteriormente. Esta conta cunha decoración en relevo de estilo manuelino, un gótico tardío moi característico en Portugal que importaría o mestre Bartolomé.
Formas vexetais entrelazadas con grutescos (seres fantásticos con aparencia humana ou animal) e arcos conopiais (curvados con pico apuntado) conviven nun clima harmónico no centro da construción. No alto obsérvase unha maciza torre á esquerda rematada por campanario. No seu interior garda magníficas tallas escultóricas, retablos e pinturas murais.
A diferencia da igrexa o claustro non se conserva en tan bo estado. Con todo aínda podemos observar a súa planta rectangular coas 28 arcadas que o conforman. Repetíndose aquí tamén o esquema da fachada principal: arcos conopiais e decoración a base de elementos da natureza, vexetais e animais.
O edificio monacal anexo estaba composto por unha ampla cociña, dependencias para a comunidade na parte alta e na baixa de cortes, celeiros e adegas. No ano 1668 sufriu un tremendo incendio que deixou aos frades sen lugar onde acollerse. Reconstruíuse ao pouco tempo e chegou a contar no seu interior cun colexio de filosofía dende 1797. Xogando un papel destacado no recibimento de clérigos fuxidos da Francia por mor da revolución.
A súa decadencia comezaría durante a guerra contra os franceses (S. XIX), onde as tropas invasoras destruíron a igrexa. No ano 1813 outro incendio acabaría por desfacer o que quedaba do mosteiro. Coa desamortización chegaría o seu abandono definitivo. Despois sería vendido a particulares que optaron por vender as súas pedras. Actualmente está en proceso de acadar a declaración de Ben de Interese Cultural.
Localización
Lugar de Trandeiras, 32636 Xinzo de Limia, Ourense
Coordenadas:
42.102315634736854, -7.659719760746486Ver en Google Maps
Lendas / Historias vencelladas
Conta a lenda que a Virxe apareceuse a un veciño do lugar chamado Juan Folgoso. Nesa visión, María ordena que este levante un templo na súa honra. Juan contará esa aparición no seu pobo e Alonso Díaz, outro veciño que mofarase del ata que ten unha idéntica visión. Xuntos levantaron a primeira capela que despois acabaría converténdose no magnífico monumento que hoxe apreciamos.
O lugar foi sempre un importante punto de atracción para visitantes chegados de Portugal como describe Antonio Couceiro Freijomil: “de los muchos portugueses que venían a la romería, siempre venían preguntando por el Buen Jesús”.
Couceiro Freijomil, Antonio (1938): “Origen, fundación y primeros tiempos del Monasterio del Buen Jesús de Trandeiras”, Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, T. XI, nº 242; pp. 503-511.
Información de interese
O claustro e resto de dependencias encóntranse en estado de ruína, podendo visitarse de forma libre e sen horario de visitas. Para acceder ao interior da igrexa recoméndase contactar previamente co Concello de Xinzo de Limia no teléfono 0034 988 460 768.
Bibliografía
Calo Lourido, F. 2003. Catálogo, mit 2 textabibildungen, Farbtafel 1 und 4 sowie Tafel 1 – 50. Madrider Mitteilungen, 44: 6-32.
Conde-Valvís Fernández, F. 1949-1952. La Laguna Antela y sus Palafitos. Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, XVII: 293-318.
Luján, E. R. 2009. Pueblos celtas y no celtas de la Galicia Antigua: fuentes literarias frente a fuentes epigráficas. En XXII Seminario de Lenguas y Epigrafía Antiguas: 219-250. Valencia: Real Acadèmia de Cultura Valenciana.
Maier Allende, J., Schattner, T. G. 2012. La primera estatua de guerrero galaico hallada en España Villar de Barrio (Orense). Boletín de la Real Academia de la Historia, 209 (3): 459-482.
Vázquez Pardo, E. 1924. El Mercurio de nuestro Museo. BCMOU, VII (157): 193-220. Ourense.