fbpx

Museo Etnográfico da Limia

Museo Etnográfico da Limia

Museo Etnográfico de la Limia

O Museo da Limia é sen dúbida un dos museos etnográficos máis importantes e mellor dotados de Galicia. Inaugurouse no ano 1992 cunha colección formada por pezas recollidas na bisbarra por persoal e alumnado do IES de Xinzo de Limia.

Sería no ano 1996 cando o Concello de Vilar de Santos conseguiría a cesión da antiga Reitoral, restaurándose e pasando a ser a sede do museo ata a actualidade. Esta edificación data do século XVIII, foi un antigo hospital de peregrinos e pertenceu á Orde de Santiago. Na rehabilitación da edificación conserváronse os seus diferentes espazos: lareira, patio e os seus materiais de construción.

O centro está dedicado á vida e ao saber tradicional da comarca da Limia, procurando gardar e transmitir a memoria. Conta con diferentes salas de temática variada: O mar da Limia (en alusión á lagoa de Antela), O mundo rural, A vida na casa, Os oficios e O comercio, ferramentas, saberes e costumes con enormes semellanzas a un lado e outro da actual fronteira.

Comeza a visita coa historia da desaparecida Lagoa da Antela, indispensable para entender a evolución da comarca. A mudanza nas persoas que a habitaban pero tamén na propia flora e fauna, alterando unha paisaxe milenaria para sempre.

O segundo espazo vai para a vida no rural, os costumes, a organización, os estamentos… cunha sala dedicada ao traballo tan delicado e laborioso do cultivo e extracción do liño, contando paso a paso o proceso ata o momento de chegar ao tear, do que se conserva un bo exemplar.

Un terceiro momento é para a vida na casa, especialmente centrada nos inicios e mediados do século XX, e representada no seu esplendor. Podemos ver cada unha das súas partes e obxectos máis representativos. Ademais, a cuestión dos oficios máis senlleiros aos que se dedicaban as xentes da zona: canteiros, ferreiros, carpinteiros ou zapateiros.

O espazo máis senlleiro do conxunto queda para o final, a reprodución dunha taberna típica, na que se vendía e fiaba de todo, dende enxoval a medicamentos pasando por artigos de mercería ou comestibles.

Todas as pezas foron doadas por xente da comarca, vellos artesáns e labregos. As mulleres tamén teñen un importante papel xa que foron as encargadas en recuperar a tradición do tecido do liño. Neste sentido, leváronse a cabo diferentes obradoiros de tecido no mesmo espazo expositivo.

Localización

Rúa de Celanova, 63, 32650 Vilar de Santos, Ourense

Coordenadas:

42.08699120938325, -7.795097171945726 HTML tutorial
Ver en Google Maps

Lendas / Historias vencelladas

Museo Etnográfico de la Limia

Información de interese

O edificio alberga no primeiro andar a Biblioteca da Limia, lugar onde se recompila con base bibliográfica todo o publicado e relativo á comarca.

Para a súa visita recoméndase contactar no teléfono 0034 988 465 883

Bibliografía

Obras e referencia de autores limiaos representativos (ou con relación estreita coa Limia) que poden consultarse na mesma Biblioteca: Antón Riveiro Coello, Antón Tovar Bobillo, Antonio Rodríguez Colmenero, Borxa Colmenero Ferreiro, Carlos Casares Mouriño, Chus Pato, Concha Rousia, Delfín Caseiro Nogueiras, Xosé Manuel Cid Fernández, Rochi Nóvoa Vázquez, etc.

Descarga

Scroll ao inicio