Pedra Alta de Antela
Pedra Alta de Antela
Trátase dunha pedrafita de granito groso de 3,47 metros de altura. Contén gravados (cruces) e inscricións (de moi difícil lectura) dos séculos IX e XI, xa que foi empregada como marco divisorio entre parroquias e posteriormente entre os concellos de Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sarreaus.
O seu contexto orixinal, sen ningún deses atributos, sería a de monumento megalítico prehistórico. Así é que malia a descoñecermos a súa cronoloxía exacta puidera ser datado por paralelos entre o 3-4º milenio a.C.
Este tipo de pedras non son únicas desta zona. Menhires, antas ou pedras altas quedaron esquecidos durante séculos, outros moitos foron derruídos, e algúns chegaron aos nosos días. En canto símbolos pagáns, moitos foron destruídos na Idade Media, outros cristianizados. A Pedra Alta de Antela (ou de Cortegada) é un dos maiores en canto a envergadura.
A súa función é descoñecida, manexando hipóteses como o rito funerario, un símbolo fálico concentrador de vida, relacionado coa maxia, a resurrección ou a vida do máis alá.
Obsérvase diferente estado de conservación entre a maior parte da pedra e o segmento inferior, polo que todo parece indicar que o menhir estivese soterrado no chan ata 60 centímetros. Cos seus case tres metros e medio de alto, continúa a sorprender a quen a contempla, consciente das múltiples preguntas acerca da enigmática figura.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
Algunha lenda local fala de que foi “unha moura” a que deixou o menhir no lugar, e que esta sería reemprazada pola figura mitolóxica da Virxe. Por outra banda, hai quen apunta que a propia Lagoa de Antela podía deber o seu nome a este menhir, xa que a palabra “antela” deriva de “anta”, palabra que en galaico-portugués se emprega tanto en monumentos megalíticos como nos lindes dos terreos.
Información de interese
A visita é libre. Cómpre ter coidado co tráfico ao ser este un lugar de circulación de vehículos motorizados.
Moi preto do monumento encóntrase a Veiga de Gomareite, un espazo que pode axudarnos a comprender como era a faciana orixinal da desecada Lagoa da Antela.