Reserva Natural do Río Leboreiro
Reserva Natural do Río Leboreiro

O río Laboreiro (ou Barcia) non é un río calquera. Do mesmo xeito que a serra homónima, a súa toponimia refire, en latín, a unha zona que os romanos xa catalogaron no seu día como “terra de lebres”… Trátase dunha Reserva Natural Fluvial declarada no ano 2015 pola súa excelente calidade da auga ao encontrarse nunha zona sen presión de ningún tipo.
O río, de carácter pluvial oceánico, nace na Serra do Laboreiro, en Giestoso (Melgaço, Portugal), pleno planalto, e discorre por un vale moi encaixonado entre ambos lados das serras, cos montes do Quinxo e de Queguas da parte galega, e ca famosa Serra da Peneda da parte portuguesa. É un río pequeno, fronteirizo (Entrimo e Melgaço), pero con moitos saltos, gargantas e bolos graníticos, con fervenzas e olas labradas na rocha. A vexetación é moi ampla, e o sistema fluvial, nunha zona pouco poboada, non se ve ameazado.
Xusto xa no treito final, chegando ao encoro do Lindoso, e abaixo da aldea arraiana de Olelas (mesmo en frente de Várzea), están as Pozas do Mallón, lugar idílico para desfrutar dun baño en época estival. Na marxe dereita, a ruta que arranca pouco antes das pozas, con paneis indicativos da fauna e flora a conservar na Reserva de Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), continúa ata un miradoiro e conclúe pasando a Ribeiro de Baixo, no lado luso. É unha das rutas “do contrabando”, nunha zona moi esquecida, desatendida e propicia para atravesar e pasar produtos e bens dun lado para outro da raia.
Localización
Olelas. Acceso ás Pozas do Mallón e da Reserva Fluvial.
Coordenadas:
41.923480670578975, -8.209414969542959
Ver en Google Maps
Lendas / Historias vencelladas

Información de interese
Acceso libre dende Ribeiro de Baixo ou dende Olelas. Moita precaución nos rápidos do río.
Pode obterse máis información:
– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/
Bibliografía
Reserva natural Fluvial de Río Laboreiro. Ministerio para la transición ecológica. Dispoñible en: <https://www.miteco.gob.es/es/agua/temas/delimitacion-y-restauracion-del-dominio-publico-hidraulico/Catalogo-Nacional-de-Reservas-Hidrologicas/informacion/mino_sil/rio-laboreiro/default.aspx>