Ruta de sendeirismo de Castro Leboreiro
Ruta de sendeirismo de Castro Leboreiro

Con inicio variable en Outeiro de Augas ou na aldea da Fraga a ruta discorre pola divisoria entre España e Portugal visitando unhas das maiores necrópoles megalíticas do Nororeste da Península Ibérica.. A ruta principal non supera os 12km, porén poden collerse varios desvíos opcionais que permiten adaptar a distancia e dificultade da ruta en función das nosas necesidades.
A ruta, circular, atravesa o planalto e descobre o nacemento do Río de Castro Laboreiro. No inicio, sáese por pistas, e o camiño non é difícil de máis. Xa no punto xeodésico de Meda, colocado sobre unha mámoa, comezamos a adiviñar a importancia desta serra en canto a construcións funerarias neolíticas. Dende Meda, avanzamos cara onde se xuntan a “Corga do Gato” e a “Corga do Val das Antas” (nacemento do río Laboreiro), despois chegando ao alto da Gestosa/Xestosa e á aldea portuguesa de Rodeiro, o camiño prosegue cara Portela de Pau e o alto da Penagache, na vertente norte, xa no Concello de Quintela de Leirado. Punto no que podemos observar a Pena de Anamán, o Castelo de Castro Laboreiro e a súa serra, a Serra da Peneda ou a do Xurés, máis a sur.
Na propia vila de Castro Laboreiro, pertencente á Câmara de Melgaço, podemos desfrutar da gastronomía (cabrito), o antedito castelo ou a compañía do can do Castro, especie autóctona, protexida e dedicada tradicionalmente a coidar dos rebaños.
A baixada realízase por unha senda entre piñeiros para abrigarse do sol. Tras subir ao Outeiro de Mos, a ruta acaba de novo na aldea da Fraga, coas súas fontes e un dos máis antigos hórreos de Galicia.
Localización
Lendas / Historias vencelladas

Información de interese
Acceso libre. Ruta de media montaña, cunha certa dificultade. Atención ao tempo e á época do ano. Convén ir aprovisionado de auga, levar calzado cómodo e GPS.
Pode obterse máis información:
– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/