Ruta de sendeirismo do Foxo do Lobo de Guende
Ruta de sendeirismo do Foxo do Lobo de Guende
As manadas de lobos, moi presentes dende antigo na serra, foron perdendo membros durante o século XX ata quedar en perigo de extinción. Coñécense como Foxos do Lobo a trampas tradicionais, con séculos de historia, que empregaban os veciños para cazar a este animal totémico para as culturas agrogandeiras. No noroeste peninsular existen máis de 200, que van dos buratos no chan recubertos con vexetación ata complexas estruturas con centos de metros de muros que se van estreitando. Neste caso, o Foxo de Guende ten ata 200 metros de perímetro e dous metros de altura na parede.
No ano 2018 o Concello de Lobios comezou os traballos para recuperar e reconstruír, tratando tamén de comprender este tipo de prácticas. Para chegar ata este Foxo balizouse unha ruta de sendeirismo de 8 km de lonxitude, que parte da propia aldea, con imaxes creadas polo artista Toño Monteiro e paneis informativos (con figuras de lobos) que achegan ao visitante os principais recursos patrimoniais da zona. Toda ela está enclavada en pleno corazón do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés, e da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés (RBTGX).
A trampa para lobos de Guende era chamada “de cabrita”, referíndose á presa utilizada para atraer ao depredador. Tras colocar a cabra no interior do círculo, o lobo saltaba a través dunha rampla para atrapala, pero logo era incapaz de saír debido aos 3 metros do muro. A recuperación deste foxo forma parte dun proxecto europeo transfronteirizo Interreg que incluía outros 6 foxos máis da parte portuguesa.
Localización
Lendas / Historias vencelladas
Información de interese
Acceso libre dende Guende. Recoméndase atender as recomendacións da ruta e da previsión meteorolóxica, así como ir equipados para a práctica de sendeirismo de montaña.
Pode obterse máis información:
– No sitio web da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés (RBTGX): https://www.reservabiosferageresxures.eu/gl
– No sitio web das Portas do Xurés (Rede de Portas da parte galega da RBTGX): http://portasxures.es/index.php/gl/