fbpx

Torre da Pena

Torre da Pena

Torre de Pena

Este declarado Ben de Interese Cultural sitúase nun lugar estratéxico polo seu difícil acceso e amplo control visual, formando parte do conxunto de fortalezas que vixiaban e gardaban a Limia. Podendo visitarse de forma conxunta con outras torres próximas como a do Castro en Sandiás ou da Forxa en Porqueira.

A construción ten as súas orixes no século XII, cando a contorna era motivo de disputas territoriais entre Galicia e Portugal. Sendo un dos seus primeiros señores Ruy Páez de Biedma no primeiro terzo do século XIV.

Tamén coñecida co nome de Torre da Portela ou Porteliña, o monumento pasou por innumerables avatares históricos, entre outros conter un forte ataque do Duque de Lancaster.

Foi propiedade da casa de Monterrei ata o casamento de Francisca de Zúñiga (filla do Conde de Monterrei) cun membro da casa de Lemos. Ambas familias mantiveron longas disputas pola súa propiedade, resolvéndose finalmente a favor dos de Lemos.

Ata a metade do século XVIII mantívose en bo estado. Nela residía o xuíz e era empregada como cárcere. Só sería cando deixou de prestar esta función que o lugar cae no abandono.

Actualmente tan só se conserva a torre da homenaxe e algún tramo da muralla exterior. O perímetro da muralla conserva unha ventá seteira (por onde enfocar as setas ou frechas) cara o leste. No seu interior aprécianse restos de varias construcións (lado noroeste) que semella ser a parte máis habitada do recinto. As últimas escavacións arqueolóxicas no lugar revelaron que estes restos formaban parte dunha fortaleza de maiores dimensións aínda por definir.

O seu estado de conservación é bo, mantendo en pé os case vinte metros de altura exterior e as tres alturas cubertas con bóvedas de canón no interior. Malia a isto a porta de acceso está elevada sobre o chan como estratexia de defensa, non sendo posible acceder ao seu interior sen unha escada de madeira. Sobre o arco apuntado da mesma porta foron traballados adornos florais e un escudo hoxe practicamente ilexible. Sobre esta ábrese unha segunda porta moi semellante pero a máis altura. No resto das súas caras ábrense vans a modo de seteiras.

 

Localización

32636 Xinzo de Limia, Ourense

Coordenadas:

42.088010090835006, -7.672782056465092 HTML tutorial
Ver en Google Maps

Lendas / Historias vencelladas

A desaparición das escaleiras que daban acceso á porta de entrada fixo que no imaxinario popular se fraguase a lenda de que para entrar na torre había unha pasaxe baixo terra.

Fray Gabriel Téllez, máis coñecido polo seu pseudónimo Tirso de Molina, nomea en diferentes ocasións a Limia e a torre de Portela na súa obra “La gallega Mari Hernandez”.

Outra lenda fala que destas terras era orixinaria Dna. Inés de Castro. Cóntase que nacera na bisbarra da Limia, nun dos castelos que lindaban coa lagoa de Antela. A tradición sitúa na Torre da Pena ese nacemento. Filla de Pedro Fernández de Castro, da casa de Lemos, a que pertenceu a fortaleza e de Aldonza Soares de Valladares, familia que tiña propiedades en Xinzo de Limia.

Torre de Pena

Información de interese

De doado acceso pola estrada que accede dende o propio núcleo de Pena. A visita é libre ao exterior. Actualmente encóntrase en proceso de investigación e posta en valor.

 

Bibliografía

Boga Moscoso, Ramón: Guía dos castelos medievais de Galicia. Itinerarios, arquitectura, historia, lendas e información práctica. Xerais, 2003.

Carlos G. Salgado: As cen torres da Limia. Portelam de Sanctio Iohannis: O castelo de Portela da Pena. 2010

Martínez Cerredelo, Edelmiro: Historia de Xinzo de Limia. 2012

Vila Álvarez, Jorge Abraham: Fortalezas na Fronteira, as torres da Limia durante a Idade Media(SXII-XV). Artigo en Hidacio da Limia e o seu tempo: a Gallaecia sueva: a Limia na época medieval. Actas dos Cursos de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo celebrados na Casa da Cultura de Xunzo de Limia en xullo de 2007 e 2008. Autores: Yolanda Barriocanal e Fermín Losada. Edita Concello de Xinzo de Limia. 2014.

Descarga

Galería

Scroll ao inicio