Torre de Sandiás / Torre do Castro
Torre de Sandiás / Torre do Castro
A Torre do Castro foi construída nunha zona elevada e estratéxica na vía de paso natural entre os vales do Limia e do Arnoia. Edificada, segundo os datos históricos, no século XII, a súa orixe está envolta entre supersticións e lendas.
A súa faciana actual semella ser a resultante de atender as loitas fronteirizas entre Afonso VII de Castela e León e Afonso I de Portugal. Ambos loitando pola posesión do condado da Limia. Malia a isto a torre foi testemuña de diferentes batallas, de loitas nobiliarias e do levantamento Irmandiño no século XV.
Non se trata da única torre visible apta para a visita na zona. Xunto con outras aínda en pé como a de Pena en Xinzo da Limia e da Forxa en Porqueira, forma parte dun conxunto de fortalezas consideradas “gardiás” da Limia. Estas torres, algunhas desaparecidas xa como a de Celme en Rairiz da Veiga ou Canderrei en Trasmiras, comunicábanse visualmente entre si.
Segundo algúns investigadores, a Torre do Castro chegou mesmo a ser asaltada polo Duque de Lancaster no século XIV, nas súas ansias de reclamar o trono de Castela. Xa na seguinte centuria estaría en posesión de Alonso Pimentel, conde de Benavente e señor da vila de Allariz. Tempo despois, na segunda Revolta Irmandiña (1467), foi derrubada e queimada da man dos homes de Alonso de Paredes e a colaboración dun servinte dos sitiados.
Na guerra hispano-lusitana do século XVII e XVIII que levaría á restauración da independencia portuguesa, foi punto de concentración de tropas para a súa posterior distribución a diferentes puntos da fronteira.
Actualmente, e logo de décadas de desuso, da fortificación previa só resta parte da torre da homenaxe, consolidada no ano 2020. Esta torre, con muros de grande grosor e planta cuadrangular, estaba composta por soto, tres pisos e terraza. Sábese, grazas aos restos conservados, como sería a súa distribución. Dende o primeiro piso accedíase ao resto de andares por medio de escaleiras de madeira. O acceso á terraza superior faise mediante unha escaleira interior no muro.
Localización
Lugar O Castro, 1, 32692, Ourense
Coordenadas:
42.12357388815092, -7.744187887057049Ver en Google Maps
Lendas / Historias vencelladas
Unha lenda do século IX conta que, no tempo do rei Afonso o Casto, a torre pertencía a Sancho Dias de Saldaña. Este tería da irmá do rei, Dna. Ximena, un fillo bastardo, coñecido como Bernaldo de Carpio, un dos maiores señores da Limia. Dita historia collería sona e sería expandida por peregrinos camiño de Compostela, baixo a áurea mística dun romance xurdido nun misterioso lago e nun río que facía perder a memoria, do que xa os romanos falaban no seu día.
“Foi feito, según boca dos vellos, por´os mouros cand´ó de Pena que está de frente a unhos 7 Km pouco máis ou menos o Sur do d´eiquí, meténdose por´o tanto a Veiga no medio. Fixeron por debaixo da terra unha carretera desd´unh´autra torre e por éla andan os mouros d´un lado para outro. Cand´os fixeron, os ferreiros de Pena e máis o do Castro, pr´apuntar os picos non tiñan máis que un martelo pr´os dous e arreglábanse con él tirándoyo desd´unha a outra cando lles faguía falta¨.
Para máis información poden consultarse:
– “Resume xeneral de folk-lore de Sandiás”. Urbano Santana
– Revista Nós, xuño-setembro, 1931.
– Sitio web: http://issuu.com/torredocastro/docs/revistaatorredocastro82014
– Revista cultural e turística do concello de Sandiás ¨A Torre do Castro¨ (Número 1. Ano 2007)
Información de interese
A ruína foi consolidada e declarada Ben de Interese Cultural. Pódese visitar libremente. O acceso é peonil.
Bibliografía
Boga Moscoso, Ramón: Guía dos castelos medievais de Galicia. Itinerarios, arquitectura, historia, lendas e información práctica. Xerais, 2003.
López Carreira, Anselmo: Os Irmandiños. Textos, documentos e bibliografía. Edic. A Nosa Terra, 1991.
Martínez Cerredelo, Edelmiro: O peregrino e a lenda da torre do Castro, 5/4/2016. Consultado online, dispoñible en:
Rodríguez Cao, Celso: Torres señoriales de la Limia Alta (Orense): estudio arquitectónico, Castillos de España, revista 107. 1997
Rodríguez Cao, Celso: Espazos defensivos. Espazos viais na Limia. Artigo na Revista Lethes, cadernos culturais do Limia. Núm.10. 2010-2011.
A Torre do Castro. Revista cultural e turística do concello de Sandiás, número 1, 2007.