fbpx

Que conseguiu ata agora o proxecto Fronteira Esquecida?

Fronteira Esquecida continúa coa súa misión de protexer, valorizar, conservar e desenvolver o patrimonio cultural e natural, como base económica da rexión transfronteiriza. Levamos xa varios meses desenvolvendo distintas actividades para desenvolver e promover o potencial turístico dos espazos naturais da contorna do territorio transfronteirizo do río Limia-Lima. Pero, que conseguimos ata o momento? Recapitula connosco todas as nosas actividades.

Carreira de BTT Xurés Bike Tour

Os pasados días 18, 19 e 20 de xuño celebrouse, no marco das actividades do proxecto a “Xurés Bike Tour – Fronteira Esquecida Limia-Lima”, unha carreira de BTT transfronteiriza e con carácter competitivo que contou coa presenza de máis de 200 corredores chegados desde todas as rexións españolas e portuguesas próximas, así como de zonas como Navarra e País Vasco, atraídos polos encantos das paraxes da Serra do Xurés e os atractivos dunha zona por descubrir.

Xornada de Novas Oportunidades para Territorios Rurais

Nesta xornada en liña con máis dun centenar de participantes analizáronse as claves para o aproveitamento do potencial dos territorios rurais. Diversos relatores expuxeron os retos e as problemáticas ás que se enfrontan os espazos naturais e explicaron as súas propias experiencias de xeración de emprego e riqueza.

Melloras na Ecovía do río Limia

A ecovía do río Limia, que une os municipios de Viana do Castelo – Ponte de Lima – Arcos de Valdevez, na beira dereita do río Limia, e os municipios de Viana do Castelo – Ponte de Lima – Ponte dá Barca, na beira esquerda, foi deseñada pensando nos peóns e os ciclistas, aínda que, salvo raras excepcións, pódese cruzar perfectamente a cabalo. O Concello de Ponte de Lima iniciou, a finais do ano pasado, a actuación relativa á conservación das plataformas de ecovía nas extensións previamente seleccionadas. Así, dun total de 7125 m previstos, xa se realizaron 850 m, nos que se regularizou a plataforma recorrendo ao recheo e á nivelación con “toutvenant”.

Publicación de estudos

Fronteira Esquecida levou a cabo estudos sobre a biodiversidade na conca do río Limia-Lima, publicando os resultados en entregables que se atopan dispoñibles na Biblioteca da web do proxecto. Os tres estudos que difundiu ata o de agora centráronse nas poboacións de odonatos, da toupa ibérica e dos salmónidos e ciprínidos.

Mapa do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés

O mapa mostra os distintos roteiros e foi elaborado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no marco do proxecto Fronteira Esquecida. O parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, foi declarado en 1993 e, cos seus case 30.000 hectáreas, é o de maior extensión dos 6 parques naturais galegos. Ademais, xunto co veciño Parque Nacional Peneda- Gerês conforma o núcleo da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês- Xurés. Ten unha altitude media por encima dos 1000 m.

Próximamente…

Fronteira Esquecida tamén está a crear un inventario de recursos, que estará dispoñible nos próximos meses. O catálogo comprenderá unha serie de 20 pílulas ou microvideos por cada un dos concellos/cámaras do proxecto, así como un vídeo resumen de 5 minutos. Adicionalmente deseñarase un roteiro turístico e un libro fotográfico co mellor dos recursos.

 

Scroll ao inicio