fbpx

Achados no Alto da Raia restos dunha fortaleza

A intervención busca validar a hipótese de que se trate dun campamento militar romano. 

O colectivo de investigadores romanarmy.eu está levando a cabo unha investigación arqueolóxica nun “recinto fortificado inédito” ubicado entre Galicia e o norte de Portugal, concretamente, na zona coñecida como Alto da Raia. 

Segundo explicaron dende a agrupación, dita investigación busca validar a hipótese de que o recinto de tendencia rectangular e descuberto por romanarmy.eu, podería tratarse dun campamento militar romano. “De ser así, este sitio arqueolóxico tería un gran valor histórico para coñecer os procesos de conquista e asimilación deste territorio por parte de Roma”. Neste senso, o recinto de Alto da Raia foi identificado a través do procesamento e análise dos datos LiDAR subministrados polo Instituto Geográfico Nacional (IGN) a través do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea, que está multiplicando a detección de sitios arqueolóxicos. Os datos permitiron apreciar un recinto fortificado de case tres hectáreas de tamaño que domina o val do rio Salas. Apreciase un talude de terra que se conserva en tres das caras do recinto defensivo. Adicionalmente, pode existir un foxo exterior que complementaría polo exterior esta defensa. A morfoloxía do talude, o tamaño e a disposición do recinto “permite soster a hipótese de que se trate dun campamento militar romano”. 

O proxecto está financiado pola Comisión Europea a través do proxecto Finisterrae, liderado polo arqueólogo da Universidade de Exeter João Fonte, e conta con apoio do Municipio de Montalegre, da Junta de Freguesia de Tourém, do Ecomuseu de Barroso e do Concello de Calvos de Randín.

Scroll ao inicio