Igrexa de San Xoán de Sáa
Igrexa de San Xoán de Sáa

A igrexa de San Xoán que hoxe observamos foi trasladada pedra a pedra dende a súa localización orixinal. Foi no pasado século XX cando todos os seus elementos foron transportados dende o núcleo de Sáa ata o punto no que hoxe nos recibe, por enriba da actual casa consistorial de Vilar de Santos. Esta reconstrución non alterou para nada a imaxe orixinal do templo, conservando o seu estilo románico tardío propio dos séculos XIII-XIV.
A mención documental más antiga da que se ten constancia sobre ela atópase no Tumbo de Celanova do século XI. É unha venda ao mosteiro de Celanova dunhas propiedades (“ecclesie Sancto Jobanne villa de Sarranos”), nunha época en que os reinos medievais estaban en plena configuración, e co Reino de Galicia a incluír o norte de Portugal, aínda.
Trátase dunha igrexa dunha soa nave e ábsida, esta xa de época gótica, con dúas portadas, occidental e sur, ambas cunha profusa decoración. Toda a produción escultórica que se deixa plasmada na igrexa merece a pena: a súa portada occidental ou principal é toda unha manifestación do bo facer dos canteiros, así podemos ver como nas columnas interiores se insiren representacións humanas, un orante no lado norte e o patrón, San Xoán, na sur. Ademais, os capiteis con decoracións animais (leóns) e figuradas (personaxes con cartelas).
Tamén requiren especial mención os canzorros, todo un desfile de figuras por baixo da cornixa, moi salientables e que de seguro sacan máis de un xesto de abraio en todo aquel que os observe.
Localización
Lendas / Historias vencelladas

Información de interese
O acceso exterior ao templo é libre. Para visitas ao interior débese considerar o horario de oficios. Pode solicitarse máis información no teléfono 0034 988 465 883.
Bibliografía
VV.AA: Enciclopedia del Románico: Ourense. Fundación Santa María la Real. 2015