fbpx

Inventario e posterior publicación sobre as poboacións de odonatos que habitan nas zonas húmidas da cunca do río Limia

As libélulas e os cabaliños do demo son o grupo de invertebrados que comparativamente teñen maior presenza en catálogos e normas sobre especies ameazadas, constituíndo un grupo zoolóxico a ter en conta nos plans de xestión das zonas húmidas. Contan con 6 especies incluídas no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas, 18 especies no Libro Vermello dos invertebrados de España, e unha especie no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Oxygastra curtisii).

No caso concreto do ámbito fluvial do río Limia, a presencia de odonatos é mencionada no Documento de Candidatura da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, a cal se apoia, entre outros parámetros, na existencia de certas especies deste tipo de insectos para xustificar a calidade ambiental deste espazo natural.

É por iso que acaba de adxudicarse un Inventario e posterior publicación sobre as poboacións de odonatos que habitan nas zonas húmidas da cunca do río Limia, no marco do proxecto Fronteira Esquecida Limia – Lima cuxo obxectivo é a mellora do coñecemento sobre a distribución e estado das poboacións de odonatos, grupo de insectos que inclúe libélulas e cabaliños do demo, no ámbito fluvial do río Limia.

Esta actuación encádrase dentro do marco da Actividade 1 do proxecto Fronteira Esquecida (Catalogación e recuperación do Patrimonio Natural e Cultural Río Limia – Lima), seleccionado polo Programa de Cooperación Interreg V-A España – Portugal (POCTEP) 2014 – 2020 e cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Finalmente elaborarase unha guía divulgativa dixital sobre os odonatos do Parque Natural da Baixa Limia – Serra do Xurés.

Scroll ao inicio