fbpx

Celebración do evento “Gastronomía Lima-Limia” en Viana do Castelo

O pasado día 21 de outubro de 2022 celebrouse nas instalacións do Forte de Santiago da Barra, no municipio de Viana do Castelo, o segundo dos eventos gastronómicos enmarcados no proxecto Fronteira Esquecida.

Este evento, denominado “Gastronomia Lima-Limia”, estruturouse baixo un formato de seminario sobre gastronomía, patrimonio e turismo en torno ao río Lima-Limia, contando coa presenza de diferentes representantes dos socios do proxecto.

Tras a benvida institucional a cargo de Luís Nobre, Presidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo, fíxose un repaso, por parte da Deputación de Ourense, polos principais resultados obtidos no marco do proxecto.

Posteriormente, foi a quenda das intervencións como as de Carlos Fernandes (Professor Coordernador do Instituto Politécnico de Viana do Castelo e Juíz dá Confraria de Gastrónomos do Minho), ou de Paula Abreu (Projeto Casa do Sorrio), quen recalcou a importancia da calidade e a tradición, do abastecemento local, da innovación, a diferenciación e especialmente a de ofrecer experiencias máis aló da propia comida, onde a historia, o relato e a capacitación do persoal sexan os aspectos esenciais para a valorización do territorio.

Luís Pedro Martins, Presidente do Turismo Porto e Norte de Portugal pechou o Seminario recalcando a necesidade de equilibrar innovación e tradición, apostando pola valorización dos recursos en base á calidade e a promoción.

O evento tivo o seu colofón coa celebración dun xantar ofrecido por parte da Escola de Hostalería e Turismo de Viana do Castelo, onde os asistentes puideron gozar de diferentes pratos elaborados con produtos característicos relacionados co río Lima-Limia.

Scroll to Top